A BELLA OTERO, COSMOPOLITA, TRANSGRESORA E PROSCRITA

A BELLA OTERO, COSMOPOLITA, TRANSGRESORA E PROSCRITA

Traballo da nosa autoría no semanario ANT [17/XII/1998. núm. 861]. Arquivo do autor.

Actualizamos parte dun traballo da nosa autoría imprentado no Guieiro Cultural do semanario A Nosa Terra [17/XII/1998, nº 861, pp 32-33]. Naquela altura impartiamos docencia en Valga [Pontevedra], o que nos levou a mergullarnos na traxectoria dunha galega universal orixinaria daquel concello:

“Até hai pouco máis dun par de décadas, a Bella Otero [Valga, 1868 – Niza, 1965] foi desprezada e ninguneada polos poderes locais e polos descendentes dos que foran seus veciños, agás contadas excepcións. A mensaxe era clara: unha meretriz de luxo na que non se debería reparar. Lembra Celso Emilio Ferreiro que foi o xornalista pontevedrés Torcuato Ulloa quen deu a coñecer, na revista Galicia Cómica, a finais do século XIX, que era orixinaria de Ponte Valga [Pontevedra] e non de Cádiz.

Mosaico de azulexos nun edificio situado fronte á Casa do Concello de Valga e ao Museo da Historia. Foto: Santiago Prol

A biografía non romanceada de Carolina Otero semella arrevesada. Ás súas orixes e infancia achegáronse dous investigadores locais. Nados na vila de Pontecesures, que até 1926 pertencía a Valga, Raimundo García Domínguez, Borobó, e o alcalde Xosé Piñeiro Ares fixeron achegas relevantes. Sobre a data de nacemento, Piñeiro opta pola oficial [19/XII/1868, folio 193, IV libro dos bautizados na parroquia de San Miguel]. Agora ben, ela sempre celebrou o aniversario -no cénit da súa carreira-, o 4 de novembro. Borobó deixa caer esa posibilidade xustificando un plausíbel retraso na inscrición. Filla “de pai descoñecido” [na acta], tivo por madriña á irmá do cura Carrandán, un singular “titor espiritual” que deixou forte pisada na súa memoria. Era a maior de seis irmáns [de pais diferentes]. Con dez anos e medio foi salvaxemente violada na costa da Terroeira [no verán de 1879], polo zapateiro de Iria, Venancio Romero, Conainas, asentado en Pontecesures, que desapareceu. Piñeiro Ares non aforra cualificativos: xallicida, anafroditante, sardesco moinante, despiadado estuprador, zafio vilán, sátiro virgófilo… Carolina Otero [orixinariamente Agustina] dedicábase a recoller piñas que procuraba vender nas casas de Pontecesures e, de paso, improvisaba danzas e bailes nas rúas e nas prazas da vila. Piñeiro Ares maxinouna bailando para os Trulock ferroviarios [antepasados de Camilo José Cela, o “noso” Nobel de Literatura]. Borobó, na Pascua padronesa ante Rosalía e Murguía…  

Algunhas portadas de libros sobre a Bella Otero. Foto: Santiago Prol

Foi ingresada grave no Hospital Real de Santiago. De regreso a Ponte Valga o seu tempo alí estaba amortizado. Axiña marchou, ben a Compostela, onde puido exercer de “criada” no Pombal, ou a Pontevedra cuns titiriteiros portugueses, acompañada dun tal Paco, co que se mergullaría de vez no mundo da farándula. De alí a Lisboa, Barcelona e Marsella, “onde foi pulida na arte interpretativa” polo empresario norteamericano Ernest Jurgens, denantes do salto definitivo a París, onde emerxeu na última década do século XIX e na primeira do XX. Axiña chegarían contratos en Berlín onde flirteou co círculo de morfinómanos. Con 22 anos abraiou en Nova York. Seguiría con actuacións en Londres, Montecarlo, Melbourne, O Cairo, Bos Aires, Roma, Bolonia, Viena, Copenhague, Oslo, Odesa, San Petersburgo, Bucarest, Budapest, Moscova… En Rusia desapareceu unha longa tempada… No devalo da súa vida artística rematou en Niza, onde se asentou até o fin dos seus días. Na Gran Guerra [1914-18] pasou por Biarritz e por Donostia recadando colectas para os hospitais de campaña franceses.

Imaxe da Bella Otero. Fonte: “Carolina Otero” de Marga do Val. Ed, ANT, 2001

Agora ben, a súa carreira foi hexemónica en París. As rivais sempre admiraron a súa capacidade de sedución. Mesmo probou sorte como cantante de ópera [“Carmen” de Bizet]. Ela dicía que o segredo da súa lonxevidade [viviu 96 anos] estaba no champagne e nas ostras, que “facían unha combinación perfecta, mesmo pra perder peso”.  Esnaquizou fogares, provocou suicidios, viviu tempestuosas relacións [“pola banda de Laíño e pola de Lestrove”], estivo desaparecida, tamén secuestrada, mesmo proscrita e a piques de ser asasinada. Cun físico excepcional para os patróns da súa época, engaiolou e espremeu ao máis selecto da alta sociedade do seu tempo. Políticos, financeiros, xoieiros, marchantes, ministros… Outrosí aristócratas dos grandes círculos reais europeos pasaron polo seu leito. Todo o potencial do seu corpo, mesturado cunha intuición asombrosa e unha teima ineludíbel de vingar a violación da infancia, fixo que varóns de grandes fortunas pagasen de por vida aquela afronta. Moveuse entre os tapetes dos casinos e as sabas das luxosas monarquías do seu tempo. Saliéntase ao rei Leopoldo de Bélxica, o príncipe Eduardo de Gales [logo rei da Gran Bretaña], o príncipe Alberto de Mónaco, o príncipe Nicolás de Montenegro, o Sha de Persia, o Kaiser Guillermo II. Tamén Alfonso XIII, do que seica dixo que “era un xoven verde e bastante inexperto”… A nómina completábase con condes alemáns, grandes duques rusos, baróns, outros xerifaltes e algúns dos magnates máis poderosos de América. [Ramón Chao (Galaxia, 2002) aporta que foi amante da princesa rusa Olga Trubetzkoi e tamén da escritora Colette. A escritora Marga do Val (ANT, 2001) asevera que “o seu lesbianismo cuestionaba os fundamentos do patriarcado”, por iso o levou adiante con moita discreción. Logo engade: “Entre os homes estaba o negocio, o pracer semellaba residir noutros lados”].

Placa no pedestal da estatua dedicada á Bella Otero en Valga. Foto: Santiago Prol

A Bella Otero manexou unha fortuna que dilapidou en casinos, maiormente no de Montecarlo, e acabou completamente arruinada. Cando morreu [10/V/1965], vivía da xenerosidade oficial francesa e dalgúns admiradores do pasado. Apenas tiña depositados no banco 600 francos [15.000 pesetas, léase 90 euros de hoxe]. Paradoxalmente fixera testamento a prol das familias máis pobres do seu concello natal. Unha expresión desta lendaria ludópata [e cleptómana] sintetizaría todo un ideario de vida: “O meu maior pracer é ganar á ruleta, o segundo, perder”.

A Bella Otero ca. finais do séc. XIX. Fonte: www.valga.es

O perfil convexo da Bella Otero raiaba na perfección canónica da súa época. Iconografía á que se lle engadiría unha pel branquísima, ollos castaños “fogosos e luminosos”, nariz e boca “de serenidade oriental”; pelo negro e “beizos de coral”, un rechamante “pescozo de cisne”; perfecta dentadura, dous lunares estratexicamente situados, 1,70 m. de altura, 56 kg de peso e unhas pernas e nocellos asegurados -nos seus mellores tempos- en máis de 300.000 dólares. A escritora Sidonie G. Collete -amiga íntima- incide en que o sobresaínte desta “sexsimbol da Belle Époque” residía nos seus peitos que “semellaban limóns alongados, firmes coas mamilas dirixidas cara arriba”.

Detalle da estatua dedicada á Bella Otero en Valga.

Considerada en varias publicacións entre as mulleres máis relevantes do século XX foi a máis cosmopolita, transgresora, desexada e odiada nun tempo no que o cine estaba en cueiros [no que ela fora pioneira] e a televisión non existía. Na Galiza non poucos escritores repararon nela: Pérez Lugín, Aurelio Ribalta, Valle-Inclán, Xohan Carballeira, Otero Pedrayo, Rey Baltar, Celso Emilio Ferreiro, García Bayón, Torrente Ballester, Álvarez Torneiro, Luís Seoane, Felipe Senén, Ramón Chao, Mª Xosé Queizán, Marga do Val, Encarna Otero, Miguel Anxo Fernández, Carlos Casares, Carlos Martínez, Prudencio Landín, Ferro Couselo, Piñeiro Ares, Borobó… Tamén Álvaro Cunqueiro que a maxinaba mergullada a cotío en leite de cabra e que a definía como “golconda que succionaba perlas dos bigotes dos grandes duques rusos e diamantes das orellas dos marqueses e banqueiros europeos”.

Estatua á memoria da Bella Otero perto do Museo da Historia de Valga. Foto: Santiago Prol

No declive da súa carreira [1926] ditoulle a unha amiga escritora [Claude Valmont] unha quimérica biografía, na que optaba por unha nai andaluza e un pai oficial grego de apelido Carasson, que transmutaba [nunha interpretación freudiana] ao mestre e presbítero Carrandán da Ponte Valga do Deán. A mediados dos anos 90 do século pasado agromou a idea dunha fundación dedicada á súa memoria, na que lle ofreceron a presidencia a Borobó. O xornalista de La Noche propuxera moito antes a creación dun museo que el radicaría no lugar do estupro. O Concello de Valga aprobou por unanimidade en pleno [28/IX/1998] dedicarlle unha rúa á Bella Otero que substituiría á avenida Primo de Rivera. Semella que ao remate a cantiga popular vai tomando asento [“A saia da Carolina / ten un lagarto pintado / cando a Carolina baila / o lagarto dalle ao rabo”].

N.B.- Dende que imprentamos esta achega pasou un cuarto de século… Hogano existe [dende o 2015] o Museo da Historia de Valga, en parte dedicado á Bella Otero, que tamén posúe un monumento perto do seu lugar da infancia. Atopamos na arañeira un vídeo abondo interesante que contextualiza aqueladamente o seu vencello coa súa terra de orixe. ¡Beizón!

Fonte: “Desde Galicia para el Mundo”. La Bella Otero
Os comentarios están pechados.