ELIXIO RIVAS E O NOSO ENTROIDO

ELIXIO RIVAS E O NOSO ENTROIDO

Portada do volume “A Limia” de Elixio Rivas Quintas, 1985. Arquivo do autor.

Na “biblia” da nosa contorna aparece unha singular aproximación ao Entroido. Estamos a falar do indispensábel volume “A Limia” do egrexio etnógrafo e filólogo Elixio Rivas Quintas [Dep. Ourense, 1985]. Nas páxinas 685-89 mételle o dente a esa tradición, capítulo XXIX [“Etnografía”], subcapítulo 14 [“Ano Festeiro”]. Recuperamos o máis salientábel do imprentado por este sobranceiro investigador en clave nosa:

“O galego ten a verba entroido [“introitu”], entrada á Coresma] (…). Hai quen coida que neses días prescribe toda lei moral e se pode facer calquera cousa ao poñer a carantoña (…). Foi esta unha peza característica da alfarería de Tioira; eran carantoñas arrepiantes de demos, bois e outros animais, levadas polos felos (…). Neses días aparecen os felos que corren rúas e carreiras, divertindo á xente ou asustándoa (…). O felo leva fleques nos pantalóns, arredor da cintura chocallos grandes que lle deixan os veciños das da facenda; camisa branca e chaleque con rebiricoques. Na cara unha carantoña e na cabeza unha mitra talmente coma se dun bispo se tratase. El é o que encabeza chocleando con moita rexouba a compaña que vai polos pobos (…). Deseguida, nunha aira, faise festa, mesmo se invita aos visitantes con viño, biscoitos e outras cousas (…).

O entroido comeza xa a correrse o domingo borralleiro ou fareleiro, por irlle botando á xente cinsa ou borrallo, farelos ou fariña. En Maceda levan o nome de borralleiros. É o domingo de septuaxésima, 15 días antes do Entroido. O domingo corredoiro, o de sesaxésima, é 8 días antes do Entroido. Dáselle o nome polo vello costume de correr o galo nese día. Levan os rapaces ou xente nova un galo ao monte; alí sóltano, botando todos a correr tras del até que o collen. Entérrano deica o pescozo, tapándolle os ollos os participantes, e gana o que lle atina cun pau e o mata. Logo segue unha merendola de pan e chourizo (…). Domingo de Entroido é propiamente o que quincuaxésima, entendendo o pobo por Entroido, os tres días inmediatos, anteriores ao mércores de cinsa (…). Algunha das formas do Entroido, por exemplo o xogo das olas, pódese observar tamén na Bretaña francesa. Curiosas coincidencias”.

Os comentarios están pechados.