COLLAGE, 2 DE XANEIRO DE 1972

COLLAGE, 2 DE XANEIRO DE 1972

Para o fondo de pantalla da nosa bitácora acordamos unha miscelánea a xeito de “collage” (en francés), con anacos de tres retratos dunha serie  en “black & white”, que meu irmán tivera a ben tirar, cunha cámara de fotos moi sinxela, un día sublime de invernía, coa Serra de San Mamede, o Val do Medo e a vila de Maceda completamente nevada. Xa teremos tempo pra peneirar aquela reportaxe albeira (doce fotografías), dunha tarde inesquecíbel que comezara no patio da nosa casa no Reconco, e que rematara na Torre medieval (léase o iconográfico Castelo de Maceda). Aquela aventura gráfica tiña protagonistas. Ademais do reporteiro, estaba o noso curmán Moncho (un dylaniano do Athletic de Bilbao que sempre exerce de macedán), o Agustín Pereira (que na vila coñeciamos como o Agustín do Pescado por ter súa nai unha peixaría na praza central da vila) e nós mesmos. No anaco da foto central aparece o “rótulo vintage”  da entrada de Maceda polo Reconco (léase pola estrada de Molgas, Xunqueira e Allariz). Naquela altura aparecía no letreiro un debuxo da Torre, un escudo vedraño (“Maza da, Yunque era”) e un texto en castelán (aínda estabamos no tardofranquismo): “Maceda. Antigua ruta romana. Castillo del siglo XII. ¡Bienvenido!”. Como mensaxe telegráfica abranguía dous parámetros capitais da nosa identidade, aínda que hoxe considerarían certos sectores, politicamente incorrecto o masculino do recibimento adxectivado. Na foto orixinal completa (que xa editaremos noutra achega), debaixo do letreiro de Maceda, estabamos os protagonistas daquela aventura. No retrato inferior está o mantedor desta bitácora, con 11 aniños de idade, tirando unha bóla de neve, diante do lameiro familiar de Mamuela que, andando o tempo, soubemos fora unha mámoa (léase túmulo megalítico que no interior asentaría antano unha construción sepulcral dalgún devanceiro). Na foto superior, asomando a cabeza pola balconada granítica da Torre (hoxe desaparecida), aparece outra volta o mantedor da bitácora. Na orixinal completa tamén están de pé, enriba da balconada o parente Moncho e o Agustín do Pescado. Reparemos que xa faltaba un anaco da balconada, que furtaran pouco antes daquel histórico 2 de xaneiro de 1972. Axiña desaparecería completamente un elemento capital dun dos nosos bens patrimoniais, o edificio civil máis salientábel da nosa historia. ¡Beizón!

Os comentarios están pechados.