BIEITO ACTIVISTA EN CLAVE LOCAL E DE PAÍS
Amosa esta imaxe dos anos 80 do século pasado un volcánico Bieito exercendo como activista a prol da dinamización de todo o que ten que ver con Maceda e, por ende, co noso País. O IES foi unha teima del que rematou sendo unha realidade. A segunda xeira da Agrupación Cultural Os Cabaceiros marcou a toda unha xeneración de macedáns e abeirados. A súa militancia en clave Nosa, exercendo a cotío como un nacionalista con sentidiño [mesmo con paradigmático pragmatismo], levouno á alcaldía de Maceda [1995-96] e a estar en primeira liña no Goberno Bipartito [2005-2009] no equipo de Vicepresidencia que abandeiraba Anxo Quintana. Bieito, que sempre olla o vaso medio cheo, “é unha persoa que por méritos propios xa forma parte da nómina dos macedáns egrexios e dos galegos comprometidos coa dignificación do Noso País”.
N.B.- O entrecomiñado tirámolo da contraportada do libro CONVERSAS CO BIEITO [Prol: 2022] que está no prelo e que axiña saírá á rúa. ¡Graciñas mil!