AO ABEIRO DO 50 ANIVERSARIO DO PASAMENTO DO CARDEAL QUIROGA PALACIOS

AO ABEIRO DO 50 ANIVERSARIO DO PASAMENTO DO CARDEAL QUIROGA PALACIOS

Na imaxe, de esquerda a dereita, o historiador Francisco Carballo, o investigador Santiago Prol e cura-párroco de Maceda, Manuel Vences. Xornal La Región, 27/XII/2000. Arquivo do autor.

Ao empardecer decembro de 2000, ano do centenario do nacemento de Quiroga Palacios en Maceda, artellamos unha exposición na igrexa parroquial coa conivencia do cura-párroco da nosa vila, Manuel Vences. Outrosí celebramos unha mesa redonda no salón de actos da Casa do Concello. Escribimos daquela columnas sobre o Cardeal de Galiza en varios medios [A Nosa Terra, La Región, La Voz de Galicia…]. Ao abeiro do 50 aniversario da morte de Quiroga Palacios, fillo predilecto de Maceda, exhumamos a lúcida columna que F. Carballo imprentou no semanario ANT [21/XII/2000], na que aseveraba que o Noso Cardeal fora acoitelado pola dereita e pola esquerda:

O 7 de decembro de 1971 falecía o Cardeal Quiroga en loor de multitudes. Está sepultado ao pé do Santo dos Croques, na catedral de Sant Iago. Aos 100 anos do seu nacemento, volta a pregunta pola significación deste cardeal na historia de Galiza. Fernando Quiroga naceu en Maceda no 1900. Viviu en Ourense desde os 8 anos até o 42. Foi bispo de Mondoñedo do 45 ao 49 e arcebispo de Sant Iago de Compostela do 49 ao 71. Cardeal dende o 52. Escribira en Logos (1931-36) artigos en galego; nun deles afirmaba que era imposíbel unha pastoral rural noutra lingua da galega. Nos anos 60 intentou e conseguiu legalizar o galego na liturxia e oficiou, xa no 71, na nosa lingua. O seu andar pastoral na arquidiocese axustouse aos tempos do Concordato de 1953. Fíxoo con grandeza, maxestade, moderación e amor aos humildes (…). Foi ante todo un construtor; inzou de tempos novos a arquidiocese, levantou o Seminario Menor de Belvís e reparou o Seminario Maior de San Martiño.

No 63 sentiu que aquel tinglado brillante de misións, Acción Católica, exercicios, novenarios, etc, afundía. Membro activo do Concilio Vaticano II, interveu 8 veces en sesións conciliares. Non estaba na órbita dos progresistas; tivo dificultades de aceptación da liberdade relixiosa e na desmontaxe do “nacional-catolicismo español”. Fora amigo de Franco; defendera sempre aos galegos e a Galiza, estimaba o seu poder tribunicio. O Vaticano II crebou o seu ánimo e aceptou cambiar.

Elixido presidente da Conferencia Episcopal Española (1966-69), buscou a paz, o diálogo cos perdedores; acolleu con coraxe os principios da Asamblea Conxunta de clero e bispos no 71. Deu pasos firmes cara o Concilio Pastoral de Galiza. Sentiuse galego sempre, falou na nosa lingua, transmitiu o desexo da súa normalización, acolleu con sorriso e amor aos que apostaban polo cambio. Morreu acoitelado pola dereita e pola esquerda: aberto, comprensivo, leal, non daba un paso de cambio sen que o empurraran. Mentres el tendía a man, outros bispos, de Ourense, de Lugo ou Vigo, vexetaban no máis cru integrismo e ignorancia da terra que lles daba de comer”.

Comentarios pechados.