A LECCIÓN DO EXILIO

A LECCIÓN DO EXILIO

Caricatura de Castelao. Fonte: https://historia-arte.com/

O 25 de xaneiro de 2001, imprentaba Francisco Carballo unha columna no semanario A Nosa Terra sobre un tema polo que tiña querencia como historiador e no que partillaba: “O exilio galego está a ser estudado e aproveitando para lembrar a un dos alcaldes de Pontevedra, don Bibiano Osorio Tafall, e homenaxear a tres mulleres representantes dese exilio, as señoras Maruxa Seoane, Mariví Villaverde e Chonchiña Comesaña. Tal exilio, 1936-75, é un dos sismógrafos que miden o terremoto dos anos da represión falanxista-militar. Con el as numerosas víctimas dos asasinatos, dos que se defenderon no maquis e dos que soportaron o estraperlo e a senrazón durante corenta anos. Nas tres frontes houbo milleiros de persoas que agardan dos seus descendentes unha aclamación reivindicativa. Tamén nos casos dos exiliados, a América maiormente, compre medir a súa colaboración á recuperación dunha Galiza salvada da aniquilación. No exilio lograron moitos galegos gardar os valores máis positivos da nosa cultura: crearon editoriais, padroados e centros lingüísticos que racharon o silencio da Galiza interior. Remesaron diñeiro, apoiaron iniciativas, voltaron algúns con proxectos inda en curso.

Castelao en Montevideo, 1940. Fonte:https://es.wikipedia.org/

Nestas xornadas son estudados varios persoeiros: Basilio Álvarez, Suárez Picallo, os dous curmáns Carlos e Pepe Velo, Luís Seoane… A lista dos destacados é moi longa, irredutíbel a tres días. Tampouco se esquece o obradoiro de ideas para erguer o eixo político da Galiza actual: arredor do Consello de Galiza que presidira Daniel Castelao había labaradas de entusiasmo, de conexións intercontinentais. De tal manancial participamos hoxe, tanto por seguimento como por contraste. Na xénese do galeguismo desta nación do 60 para acá, hai moitas fontelas; unha está no exilio. Afortunadamente o exilio contou co guieiro de Daniel Castelao: deulle unidade, dirección; profundou nas raíces culturais dun pobo para abeirar nel a esperanza e conducilo ao traballo de superar o pasado e dignificar o presente. Detrás das comunicacións e debates destas xornadas, está o sorriso evocado en todo o ano 2000 do mestre da Nación Galega” [ANT, 25/01/2001].

Os comentarios están pechados.