FRANCISCO CARBALLO E AS LETRAS GALEGAS

A Real Academia Galega (RAG), para a escolla da persoa á que lle dedican cada ano as Letras Galegas (co acto central o 17 de maio), ten en conta o aval de, cando menos, tres académic@s. As personalidades propostas deben ter falecido hai dez anos ou máis. Outrosí “que a persoa elixida sexa autora dunha obra relevante en galego e que mesmo posúa unha calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega”, consonte o artigo sétimo do regulamento de réxime interno da RAG. Todos eses requisitos cúmpreos sobradamente Francisco Carballo, autor de libros capitais para a nosa memoria colectiva. Eis os máis salientábeis:
Ensaios: A Igrexa galega (1995), Alexandre Bóveda (1999), Breve Historia de Galiza (2000), Martín Sarmiento (2002), Nova Igrexa galega (2005)…
Libro de conversas: Conversas con Francisco Carballo, con Santiago Prol e Xan Carballa (2002).
Obras colectivas: Historia de Galicia (1979), Castelao contra a manipulación (1984), A Nosa Literatura (1988), 12 anos na búsqueda da nosa identidade (1990), Historia de Galicia (1992), O mundo desde aquí (1993), Historia Xeral de Galicia (1997), Actas do Congreso Manuel María. Literatura e Nación (2009), Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70 (2009), Xosé Chao Rego: renacer galego (2010)…
Dende 1963, que lle dedicaron as Letras Galegas a Rosalía de Castro, van 62 personalidades designadas, algunhas cunha obra en galego moi limitada… Non é o caso de Francisco Carballo que, ademais dos salientábeis volumes citados, desenvolveu un traballo xornalístico inxente no semanario ANT e noutros medios galegos dende finais dos anos 70 até o seu falecemento en 2014. Nese “proceso de escoita” oxalá a RAG teña a ben dedicarlle as Letras Galegas máis cedo que tarde. Beizón!