CARDEAL QUIROGA PALACIOS NO NO-DO, 1953

CARDEAL QUIROGA PALACIOS NO NO-DO, 1953

Fonte: Filmoteca Española (www.rtve.es)

No NO-DO 526B, de 2 de febrero de 1953, podemos visualizar unha agarimosa benvida en Santiago de Compostela ao recén nomeado cardeal, don Fernando Quiroga Palacios, orixinario de Maceda (Ourense). Rescatámolo outra volta fornecido coas verbas do xornalista compostelán Diego Bernal López, no traballo monográfico que fixo sobre el (Xunta de Galicia, 1996):

“En Compostela durante vinte e dous anos case todo foi obra do Cardeal Quiroga. Os galegos e os santiagueses transformárono nun mito de poder e gloria. Das xornadas de identificación santiaguesa de don Fernando, quizais a máis sonora foi cando entrou en Compostela despois do seu nomeamento como cardeal. Compostela saíu ás rúas con fervor. Dende o Monte do Gozo o Cardeal Quiroga Palacios viaxou nun luxoso coche branco convertíbel, lucindo a súa corpulenta figura. Acompañábao o alcalde, don Enrique Otero Aenlle, que era baixiño e miúdo. No recibimento festivo de clamor popular contrastaban as dúas figuras. Como os santiagueses soen darlle unha miga de picardía ao seu inxenio, ao tempo que chamaban a don Fernando, Eminencia Reverendísima, bautizaban ao alcalde co apelativo de Minudencia. E ademais, para o pobo, o poder verdadeiro ostentábao súa Eminencia e o outro poder, o máis temporal, súa Minudencia“.

Súa Eminencia Reverendísima e súa Minudencia. Fonte: elcorreogallego.es
Os comentarios están pechados.