ROTEIRO POR BARAKALDO (4)

ROTEIRO POR BARAKALDO (4)

“No ano 1963 saíu o meu primeiro libro, O Santuario do Monte Medo. Ao pouco un folletiño, Espíritu misionero de la constitución litúrgica (1965). Era a primeira referencia miña ao Concilio Vaticano II (…). No 1963, a morte da miña nai, 20/XI/63. Despraceime dende Barakaldo e asistín algúns días na súa enfermidade, o que ela agradecía sen límite. Lía o meu libriño [sobre Os Milagres do Monte Medo] e acariñábao como a un fillo meu. A morte dos pais para un célibe é máis amarga que para os que teñen familia propia: quedas practicamente sen familia. Algo rompeu dentro de min. Dende entón certa soidade inda é maior e a familia máis lonxana.

Nos anos de Barakaldo madurei un pouco; maduración que non ía acadar até os anos 80 [xa en Galiza]. O exceso de activismo obstaculizou iso. Non me sentía realizado nin na comunidade, nin na profesionalidade. Seguía a soñar con outros quefaceres: houbera preferido estar de misioneiro na India ou de escritor nun centro de investigación. O Diario ofrece unha maior paz e satisfacción vital nos anos 1962/65. Empezaba a aceptarme a min mesmo”.

N.B.- Na primeira foto ollamos un monumento vencellado coa metalurxia no centro de Barakaldo. Na segunda e terceira, ollamos referencias ao Athletic Club de Bilbao en Barakaldo -nuns soportais da rúa Gernikako Arbola e na cristaleira dunha cafetería (con vínculos galegos moi fortes nesta cidade)-. O fenómeno do Athletic xa era intenso na xeira de Francisco Carballo alí (1958-1965). El non foi alleo a aquel movemento sociolóxico. Mesmo tivo simpatía por este clube vasco toda a súa vida (tamén polo Celta de Vigo). En 1965 xa despuntaba José Ángel Iribar Kortajarena e unha plantilla mítica. A xente berraba: “Iribar, Iribar es cojonudo, como Iribar no hay ninguno!!!” Cando xoga o Athletic, engalanan pobos, vilas e cidades de todo Biskaia e moitos siareiros -nenos incluídos- van coa camiseta vermella e branca polas rúas, prazas, bares e cafeterías.

O Colexio San Vicente de Paúl fixo un vídeo en 2015 de apoio explícito ao Athletic Club de Bilbao:

Os comentarios están pechados.