“O VATICANO É UNHA EXCRECENCIA”

“O VATICANO É UNHA EXCRECENCIA”

Por mor dos escándalos financeiros que involucraron a “peixes gordos” do Vaticano (compras inmobiliarias millonarias no exterior: inmobéis de luxo en Londres con escuras empresas inglesas que terían participado na operación financeira -con diñeiro inicialmente destinado pra erradicar a pobreza…), queremos traer á bitácora unha das afirmacións máis contundentes que fixera Francisco Carballo no libro das “Conversas” (Prol / Carballa, ANT, 2002). No capítulo “Relixión. A inculturación da fe”, na páxina 61, conversando sobre “os ateos de verdade”, Carballo dicía que teimaban en atacar ao Vaticano e que iso tamén o facía el, “porque o Vaticano é unha excrecencia. Á institución eclesiástica tamén a critico eu. Hai comunidades que son unha cova de áspides; Igrexas que son unha fábrica de torturas, pero iso non ten nada que ver co fondo do tema. Eu non me paso por iso ao budismo ou ao ateísmo. Permanezo eiquí porque encontro uns valores respectábeis. Eu fago crítica das súas realizacións deterioradas”.

Xan Carballa máis o mantedor desta bitácora preguntámoslle se podíamos publicar literalmente que o Vaticano era unha excrecencia. El non o dubidou en ningún intre…

N.B.- A nova sobre o último escándalo do Vaticano saíu en mass media salientábeis.

Os comentarios están pechados.