IN MEMORIAM DE ANTÓN GÓMEZ EN ENCRUCILLADA
Antón Gómez González, orixinario das Bouzas do Rodicio [moi perto de onde naceu Francisco Carballo en Celeirón de Asadur], é unha das persoas que mellor coñeceu ao presbítero ilustrado de Maceda. Reencontrámonos con el (e a súa compañeira) en Santa Marta de Tormes (Salamanca) o domingo, 30 de novembro de 2014, con Carballo de corpo presente. Dende Maceda achegámonos Xabier Oviedo (alcalde), Bieito Seara (ex alcalde e alto cargo no Bipartito) e o mantedor desta bitácora. Unha viaxe de ida e volta no mesmo día até Salamanca, que deu para mergullarnos a eito no fillo sobranceiro de Maceda. O “In Memoriam” de Antón Gómez, inserido no núm. 191 da revista Encrucillada (2015), transcorre en nove páxinas cheas de afecto e recoñecemento como referente. Imos recuperar o máis salientábel:
“Coñecín a Francisco Carballo o ano 1967, en Salamanca, cando cheguei para facer estudos de Teoloxía. El era o reitor do Seminario Maior dos Paúis para a maior parte de España. Dende entón compartín experiencias, non deixei de aprender del e non perdín de vista a súa traxectoria, sendo especialmente significativo para min o feito de que contase comigo para a inserción no mundo obreiro en Vigo onde, ademais, contactamos co Padre Seixas e as súas múltiples actividades, que xa coñeciamos en Salamanca (…). Como docente Carballo foi moi apreciado e querido polos seus alumnos. Moitos confesan que foi o mellor profesor que tiveron. Carballo sempre será o intelectual dos excluídos, un intelectual que se fixo entender, que sabía comunicar o seu saber.
Entre algúns compañeiros da súa Congregación non tivo tanto éxito, especialmente cando deu o paso que marcaba o Concilio Vaticano II [1962-65]. Recoñecía que non era doado desprenderse da doutrina preconciliar, pero, ao mesmo tempo doíalle tanta cegueira. Tivo que manterse na fronteira, pero non se atreveron a despedilo. Toleraron e aproveitaron a súa capacidade de xestión como director do Colexio San Vicente de Paúl en Barakaldo, reitor do Teologado en Salamanca, conselleiro e asesor na Curia Xeral da Congregación en Roma, cofundador do Instituto Teolóxico Gaudium et Spes en Salamanca, etc. Como profeta que foi, non o entenderon. Carballo estaba aberto ao futuro dende dúas bases sólidas: a interpretación do Evanxeo levada á praxe por Vicente de Paúl e o Concilio Vaticano II. Viviu a súa fe en Xesús coa axuda da ciencia (…).
Os compañeiros que foron quedando na institución, permaneceron no prevaticano, esquecendo, incluso, o carisma de Vicente de Paúl. A Igrexa xerárquica e a sociedade galegas, tampouco estaban en condicións de escoitar a Carballo por ser de esquerdas e, o que era peor, nacionalista galego (…). Si recibiu homenaxes dos que acolleron a súa mensaxe: Maceda, Vigo, Marín, Santiago, A Coruña…, foron sedes doutras tantas homenaxes que puido agradecer, expresando a súa gratitude e satisfacción.
A súa marcha a Salamanca, por mor da enfermidade final, puxo de manifesto que eran moitos os que sentían e compartían inquedanzas con el. No derradeiro ano (2014) foi significativa, e merece ser subliñada, a gran peregrinación de amigos e colaboradores á enfermería dos Paúis en Santa Marta (Salamanca). A decisión de marchar foi moi dura para el. Doíalle a vida que se ía e sentía dor de ter que marchar de Galicia. Porén, deixou escrito o seu retorno. Quería ser incinerado e enterrado ao lado da súa nai, en Asadur.
Carballo soubo unir ciencia e acción, fe e compromiso (…). Agradeceu, aínda que foi xa moi tarde, que se lle recoñecese publicamente a súa fidelidade ao Evanxeo e ao carisma de Vicente de Paúl. Sentíndose marxinado por moitos compañeiros paúis, non quixo deixar a Congregación (…). Con fe e silencio, o día 13 de decembro de 2014, tal e como era o seu desexo, depositamos as súas cinzas a carón das da súa nai, na campa de Asadur (Maceda). Pese ao día e a hora (sábado, ás 11.30), había curas de toda Galicia, amigos e amigas, compañeiros e compañeiras de todas as militancias políticas, sindicais, acción social e culturais, nas que expresou e levou a cabo o seu compromiso cristián a prol da liberación dos pobres e excluídos e da súa amada nación, Galicia, e do resto do mundo (…).
O día 27 de decembro de 2014, o Concello de Maceda organizou unha primeira homenaxe de urxencia que resultou moi emotiva. Todos os oradores subliñaron a fe e o compromiso de Carballo (…). Nunha das visitas que lle fixemos a Salamanca, díxonos que estaba escribindo sobre quen era Xesús para el (…). O que foi e pensaba Carballo está recollido por Santiago Prol e Xan Carballa en “Conversas con Francisco Carballo” (ANT, 2002). É unha síntese seria e abondo suxerinte para reflexionar, meditar e descubrir o moito que Carballo aportou e deixou para a Igrexa e a sociedade galegas. A súa mensaxe está condensada nese libro.
A paixón de Carballo pola historia, a capacidade de observación nas saídas a Roma, París, Inglaterra, América Latina, Palestina, etc., a apertura ás ciencias, á lectura dos grandes teólogos e pensadores, o Concilio Vaticano II (unha auténtica revolución para el), a súa capacidade para escoitar e aprender dos que o rodeaban, permitíronlle unha bagaxe teolóxica en constante diálogo co mundo actual (…). Aí están as súas obras como testemuñas: a opción pola inserción no mundo obreiro e estudantil dende as alturas dun Instituto Teolóxico dependente da Universidade Pontificia de Salamanca, a Asociación Cultural de Vigo, A Nosa Terra, os innovadores traballos de Historia de Galicia e da Igrexa galega, Alexandre Bóveda, Sarmiento, Sermos Galiza, Coloquios de Parroquias, Encrucillada, Irimia, o Foro de Curas Galegos Bispo Araúxo, son algúns dos máis importantes tesouros que nos deixou.
Lembraremos a Carballo como un mestre polifacético, un cristián comprometido até as últimas consecuencias na transformación da sociedade. Teremos que ter moi en conta a súa teoloxía -ben artellada e fundamentada-, e as maxistrais leccións de Historia de Galiza e da Igrexa galega. Nas dúas foi un gran mestre. Non só nos deixou coñecementos, senón praxe. Grazas, Carballo, pola túa vida, pola túa fe e compromiso, polo teu atrevemento e pola túa maneira de participar e axudar a espertar a participación, teórica e práctica, dos que tivemos a sorte de coñecerte. Non eras dos que impuña os seus criterios. Deixaches moitos discípulos”.