FRANCISCO CARBALLO, UN DOS IMPRESCINDÍBEIS
O teólogo Victorino Pérez Prieto publicou no núm. 15 de AREAL [14/10/2017], a revista da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada (A Coruña), un sentido traballo. Imos recuperar parte da súa loa, que aporta fasquías abondo interesantes sobre o presbítero ilustrado de Maceda:
“Francisco Carballo, cura, historiador, intelectual, profesor e home comprometido pastoral, social e politicamente co pobo galego, foi unha das figuras fundamentais na cultura e na sociedade galega contemporánea. Incansábel promotor de iniciativas. Tamén investigador e divulgador da Igrexa e a Historia de Galiza. O galeguismo e o cristianismo liberador foi o eixo artellador da súa vida de compromiso con Galiza e a causa de Xesús. Foi ninguneado polos poderes políticos, civís e relixiosos (…). Ao ninguneo da Igrexa xerárquica sumouse durante un tempo unha persecución política, polo seu compromiso solidario e democrático coa nación galega. Iso non lle roubou nin un chisco da alegría e do optimismo que rebordaba sempre (…).
A Paco coñecino e trateino intensamente, fomos amigos moitos anos e o afecto era mutuo (…). As claves da súa vida non están na política, senón na súa fe e no compromiso desta coa realidade concreta na que está, Galiza (…). Coñecino máis de lonxe polos anos 70, cando eu estudaba Filosofía e Teoloxía no Seminario Maior de Compostela, e logo máis de preto, xa de cura, a partir de 1981, e cando empezamos con Irimia, revista que eu dirixín na década dos 80 e na que colaboraba el habitualmente (…). Foi un bo amigo; compartimos intensamente sempre que nos viamos e a feito polo correo; sempre era o primeiro en facer as recensións dos meus libros en A Nosa Terra, o semanario nacionalista no que tamén colaboraba eu asiduamente (…). El era a vangarda dos PP Paúis en Galiza, xunto cos irmáns Peleteiro e outros compañeiros que se propuxeran renovar e galeguizar o Colexio dos Milagres (Monte Medo, Ourense): O obxectivo era crear en Galiza unha Igrexa inculturada e traballar pola promoción das clases sociais máis desfavorecidas (…).
A Igrexa hoxe demanda unha reforma que debe ir en dúas liñas fundamentais: a inculturación da fe (galeguizarse) e a democratización (diálogo fronte adoutrinamento). Paco Carballo quedará na memoria dos seus amigos e dos galegos bos e xenerosos, cristiáns e non cristiáns, xente de fe relixiosa ou non, como un home que soubo ser fiel até a fin aos ideais evanxélicos e sociopolíticos galeguistas. Homes coma el son imprescindíbeis, como escribiu Bertolt Brecht”.