EPÍGRAFES DE GARCÍA MOSQUERA
Con só 51 anos de idade e unha saúde moi precaria nos últimos tempos, don Xosé García Mosquera, o poeta oficial da cidade de Ourense a mediados do século XIX, pasaba á outra banda do esquezo o 19 de novembro de 1868. Inicialmente fora soterrado no Cemiterio de San Francisco de Ourense. En 1903 os seus descendentes decidiron trasladar os seus restos mortais ao camposanto de Escuadro [Maceda], moi perto do seu lugar de orixe. O 12 de setembro de 1887 foi descuberta unha placa no número 10 da Rúa Hernán Cortés de Ourense, a súa casa na cidade [aínda permanece alí]. Nela pódese ler: “AQUÍ VIVIÓ Y MURIÓ EL INSPIRADO POETA Y SABIO HUMANISTA DON JOSÉ GARCÍA MOSQUERA”.
Trinta anos despois do seu pasamento, o 19 de novembro de 1897, o Concello de Ourense dedicoulle unha rúa moi perto do Instituto [actual IES Otero Pedrayo] e do Xardín do Posío. Don Xosé García Mosquera exercera na cidade como catedrático de Latín e Humanidades e logo como catedrático de Retórica e Poética [pinchar eiquí].
En 1996 [cento vinte e oito anos despois do seu falecemento e cento setenta e nove do seu nacemento], o Concello de Maceda dedicoulle unha rúa no Reconco, ao abeiro da modificación do rueiro municipal, estando na alcaldía naquela altura o nacionalista Xosé Bieito Seara, que amosou sensibilidade a prol dun poeta apenas coñecido na súa terra de orixe. Beizón!