BIEITO ROMERO, AGALEGA ISLANDS E JOÃO DA NOVA
Seguimos con moito interese a columna “O son do ar” de Bieito Romero, o líder de Luar na Lubre, dende que comezou a publicala semanalmente no xornal La Voz de Galicia. Mesmo temos empregado algunhas delas como material docente. A de hoxe [Voz, 8/III/2022] vai sobre unha das nosas teimas de por vida. Mágoa que non puidese ollar tamén no Castelo de Maceda a exposición que comisariamos en 2002, e que titulamos “João da Nova, o descubridor galego do século XVI”. Na actualidade pode visualizala no primeiro andar da Casa do Concello, mesmo a carón da Rúa João da Nova de Maceda, que tivera a ben poñer o seu amigo Bieito Seara cando era alcalde en 1995, co troco do rueiro municipal que estaba atestado de reminiscencias franquistas. Eis a columna de Bieito Romero:
“Hai xa algúns anos, nun restaurante de estrada, descubrín un mapamundi xigante que tiñan colgado nunha das súas paredes. O mapa era espectacular e os detalles minuciosos, amosando poboacións ben pequenas de todo o mundo. Como gran apaixonado destes temas que son, estiven un bo anaco ollando para el. Lembro que quedei abraiado ao ver que no océano Índico ao noroeste da illa de Madagascar había dúas pequenas illas case unidas chamadas Agalega, nome derivado do orixinal A galega, e pertencentes ao arquipélago das illas Mauricio. Esa foi a miña primeira sorpresa, pero houbo outra aínda máis curiosa; un pouco máis ao sur de Agalega topei o arquipélago Cargados Carallos, un grupo bastante numeroso de pequenas illas e illotes estendidos nun arrecife e pertencentes tamén ao mesmo arquipélago das Mauricio. Como pobo de grandes navegantes que fomos pensei que eses topónimos indicaban que algunha relación podería haber.
Indaguei un pouco e descubrín que o personaxe que descubriu e nomeou aquelas illas era João de Novoa ou João da Nova. Un home nado en Maceda (Ourense) no ano 1460, descendente dunha familia de liñaxe nobre que fuxiu a Portugal durante a gran guerra Irmandiña. O mozo João afíxose ben á nova patria e grazas á súa valía chegou incluso a ser alcaide de Lisboa en 1496 nomeado polo rei Manuel I O venturoso. Ao servizo da coroa portuguesa foi descubridor de moitos outros lugares ou cando menos fóronlle atribuídos a el. Nomes máis coñecidos como illa Ascensión, ou illa Santa Helena no 1502, as dúas territorio británico da ultramar e esta última, lugar onde Napoleón Bonaparte pasou os seus últimos anos de vida deportado dende 1815 ata a súa morte en 1521.
O mesmo João da Nova ten un pequeno illote de 4,4 quilómetros cadrados co seu nome, situado entre Mozambique e Madagascar, que tamén descubriu no ano 1501, na actualidade baixo administración francesa. Hai pouco estiven de visita no histórico castelo de Maceda e alí relembreime deste navegante-explorador e da súa fascinante historia que descubrín casualmente no mapamundi daquel restaurante de estrada. Cantas historias nos chegaron e cantas se perderían?”