XOSÉ LOIS PARENTE NO DERRADEIRO NÚMERO DE “NÓS”
Agasalla hoxe, 31 de decembro de 2021, o xornal “Nós Diario” o facsímile da derradeira achega da histórica revista “Nós”, o boletín mensual da cultura galega [Ano XVII. Ourense, Xullo-Nadal de 1935. Núm. 139-44. Tomo 12]. Nel, a Asociación de Escritores de Galicia rendíalle “conmovido homenaxe a Anxel Casal Gosende, o xerente da revista e fundador da editorial Nós”. Neste histórico número, do que só se conservaron dous exemplares [o de Leuter e o de Ben-Cho-Shey], aparece, na páxina 166, unha colaboración dun bardo de Maceda, do que nós tiñamos feito a achega de referencia [“Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República”, Prol: 2006]. O poema “Camiño de Portonovo”, que inserimos na páxina 114 do noso libro, aparece nunha publicación na que un de Maceda estaba a carón dos popes do Noso País: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Bouza-Brey, Iglesia Alvariño, Paco del Riego, López Abente, Víctor Casas, Álvarez Blázquez, Villar Ponte… ¡Beizón! ¡Saúde e Terra!