31 DE DECEMBRO DE 1936 EN MACEDA

31 DE DECEMBRO DE 1936 EN MACEDA

Monolito na Praza de Benigno Álvarez, coa placa en memoria dos 9 martirizados da contorna de Maceda o 31 de decembro de 1936. Foto: Santiago Prol

No libro de “Conversas” [Prol / Carballa, ANT: 2002] preguntámoslle ao presbítero ilustrado de Maceda: “¿Á túa casa chegaban noticias dos que paseaban en Maceda e dos nove que fusilaran o 31 de decembro de 1936, despois dun consello de guerra ignominioso? Si. Vixiábase a casa e nós estabamos en expectativa constante. Había medo de que houbese reaccións. Teño na memoria con todo detalle os acontecementos do 36. Deses nove martirizados, que hoxe teñen un monolito de lembranza na Praza de Benigno Álvarez en Maceda, escoitei falar na casa. Estabamos horrorizados, a avoa non paraba de chorar, aquilo impactou en nós dunha forma tremenda. Pero na aldea [Celeirón] a guerra era unha cousa remota. A represión foi moito máis forte en vilas como Maceda e nas cidades. O bo senso do meu pai e estes fenómenos de crueldade, están no fondo da miña posterior relación co franquismo”.

Na foto que inserimos desta volta, podemos ollar a lápida de lembranza, que moitas veces ten flores á memoria dalgún dos nove martirizados de Maceda e contorna. Francisco Carballo sempre nos recordaba que a Historia non se repite, pero que pode reproducir erros semellantes, por iso é necesario reescribir a que fixeron os vencedores e vulgarizala. Iso procuramos no volume “Benigno Álvarez. Un comunista na Galiza dos anos 30” [Prol, 2008, ANT]. Exhumamos deste volume parte dun documento demoledor, logo do consello de guerra -sen garantías legais- e sentenza posterior, que mesmo se debería revisar oito décadas despois, para facer xustiza daquela enorme inxustiza: “Ás 16:30 horas do 31 de decembro de 1936, hora sinalada pola autoridade militar, foron pasados polas armas os reos Andrés Gálvez López, Serafín Poza Prol, Antonio Souto Nieto, Juan Manuel Garrido Touriño, Demetrio Álvarez González, Manuel Senra Salgado, Fernando Garrido Fontela, Modesto Vidal Fernández e Ricardo Lemos González, facéndose a correspondente descarga polo pelotón encargado da execución e certificando a súa defunción o médico don César Saco” [Acta do secretario Manuel Casado Nieto co visto e prace do xuíz militar Ramón Ulloa Sotelo. 31/XII/36]. Eis a Historia…

Os comentarios están pechados.