PEDRO IAÑEZ DE NÓVOA, O PRELADO PIRÓMANO (1)

Imos comezar polo final. No libro “Nobres vencellados ao castelo de Maceda” (Prol, 2009), dedicámoslle un extenso capítulo a este bispo da casa nobiliaria de Maceda (pp. 75-101). Na páxina 97 podemos ler:
“Sobre Pedro Iáñez de Nóvoa espallouse moita tinta. Mesmo inspirou, en parte e seguindo a tradición, unha novela de Vicente Risco, finalista do Premio Nadal de 1952. En La puerta de paja (1953), o prelado pirómano de Maceda aseméllase a Baldonio, un bispo herético e pecador, señor de Nervia, excomungado por tres papas. No capítulo XI insire unha autoconfesión pública que o enmarca cun estilo fondamente risquián:
“Transgredín todos os mandamentos, enlameime en todos os pecados capitais, sen restar un, faltei contra a fe, contra a esperanza, contra a caridade, contra as virtudes cardianais, contra a fidelidade, contra a fe luxuriada, contra toda moral, contra todo dereito, aldraxei todas as leis divinas e humanas, ofendín a Deus, negueino dentro do meu corazón, celebrei sacrílegamente a santa misa, profanei todos os sacramentos, obtiven o feudo con engano e con falsas promesas, conserveino derramando o sangue dos meus parentes, conseguín a mitra con simonía, pagando diñeiro e favores culpábeis, gobernei con tiranía, oprimín ao pobo, abandonei e maltratei aos pobres, ofendín aos nobres, protexín e acubillei aos malfeitores, quiteille diñeiro aos meus súbditos pola forza e pola raposería, aflixín ás viuvas, violei ás virxes, asoballei aos orfos, fun luxurioso e concubinario, intemperante, inmundo, practiquei a maxia negra e tiven un demo ao meu servizo (…). Desprecei aos homes e só tiven valor para min mesmo. Fun arrogante en todo intre, e propúxenme ousalo todo, e dominar o mundo dende o círculo no que me atopase” [simonía: compra ilícita de cousas espirituais a cambio dun prezo temporal]”.