OS FELOS E O XORNAL EL PAÍS

OS FELOS E O XORNAL EL PAÍS

Xornal El País, suplemento El Viajero (15/II/2003). Arquivo do autor

Ademais dos mass media galegos, enviamos aquel traballo sintetizado, xunto co dossier do Entroido de 1995, ao xornal El País a Madrid [sen traducir ao castelán]. En anos posteriores cubriron o que eles denominaban Carnaval de Maceda, tanto en El País de las Tentaciones como en El Viajero. O diario de maior difusión no Estado español, o 31 de xaneiro de 1997, dáballe cancha xenerosa aos felos de Maceda, con respecto a outras máscaras do Entroido. A xornalista María Ángeles Sánchez, que repararía dende aquela con sensibilidade e consideración nos felos, comentaba que ollara no Entroido anterior (no de 1996), uns 30 felos. Mesmo que impresionaba “contemplar o seu paso solitario, perdidos ás veces na inmensidade do verde, indo de aldea en aldea. A súa presenza alí era como un conxuro”. No do ano seguinte (con dúas fotos dos felos, un adulto e un neno coa carauta destapada), dicía que tiñan marcha “para rato”: provocar, perseguir, azurrar, botar carreiras… Remataba dicindo que “o Carnaval rural en Galicia, un dos máis prolongados no tempo, conta con interesantísimas máscaras e personaxes, como estes felos espectaculares de alambicados traxes, ruidosos chocallos e petrificado sorriso, que van e veñen sen avisar, cando lles parece, vivificando o duro inverno” (El País, 29/XI/1998).

Xornal El País, suplemento El Viajero (29/XI/1998). Arquivo do autor

No primeiro documento fotografado que penduramos nesta achega (EL País, Sábado, 15 de febreiro de 2003), titula El Viajero: “Citas íntimas con Don Carnal”. Selecciona catro lugares emblemáticos (“con marcada personalidade”) de todo o Estado español: Santa Cruz de la Palma, Mecerreyes en Burgos, Llamas de la Ribera en León e Maceda en Ourense. Escolle unha foto dos felos trouleando por unha aldea cun pé de foto: “Os personaxes do Carnaval de Maceda, en Ourense, locen unha delicada máscara de madeira”. Xa na noticia imprenta: “O seu ir e vir está marcado pola espontaneidade. Non hai horario fixo, e o ritmo impono a resposta da xente das pequenas aldeas que son visitadas polos felos; este ano farano o sábado, 1 de marzo. Os homes e mulleres de Castro de Escuadro, Cimadevila, Santirso, Pías, Sarreeaus, Tioira, Barxela, Vilardecás ou Xinzo da Costa, todos eles pertencentes ao municipio de Maceda (Ourense), percibirán como as súas actividades cotiáns son interrompidas pola presenza festiva destes singulares personaxes, advertida polo son das cinco chocas que portan. A súa elegantísima indumentaria culmina nunha espectacular máscara de madeira, rematada cunha sorte de mitra na que figuran, pintados, os animais da Serra de San Mamede que preside estes lugares”.

En anos posteriores, o xornal El País seguiría reparando (con deferencia) na nosa máscara, sempre salientando a súa singularidade. ¡Graciñas mil!       

Os comentarios están pechados.