LEMBRANDO AO CHE

LEMBRANDO AO CHE

O Che Guevara fora ultimado en La Higuera, Bolivia, o 9 de outubro de 1967. Como vivimos tempos convulsos, imos recuperar “Lembrando ao Che”, a columna que lle dedicou o historiador Francisco Carballo no núm. 1.064 do semanario A Nosa Terra [10/I/2003]. Comezaba rememorando que fixera unha visita a Cuba [sabemos polas súas “Memorias” que estivo alí en 1993 e que tamén estivera con outros familiares en Montevideo, Uruguai, en 1992]. O seu curmán Rafael Simón -que fora secretario persoal do Che- agasallara a Francisco Carballo, naquela viaxe a Cuba, coas obras completas do guerrilleiro, “todo un armazón ideolóxico, loxístico e táctico”. O seu parente dicíalle que “todo canto o Che tiña de valioso, fómolo esquecendo. Todo canto tiña de discutíbel, intentamos mantelo”. Reflexiona que lle fixera pensar abondo a melancolía do curmán Rafael na súa Cuba de corenta anos de privacións. Mesmo as moitas cuestións a debater sobre o Che:

“Ao ler ao Che Guevara observei os notábeis erros informativos de carácter local que o levaron a unha estratexia militar funesta; foi tamén a un “revolucionarismo” inmediatista frustrante. Porén, o seu discurso e a súa análise do imperialismo e do poder político era luminoso, incandescente e brillante. Acertaba o Che ao afirmar que a superación do imperialismo só era viábel mediante unha contraposición mundial doutro modelo (…). Como estuda James Petras, o Che “comezou desde a perspectiva da Revolución Cubana e desprazouse cara áreas de acción nacional específica, e, mesmo, local. Os movementos de cambio actuais parten dunha base sólida a nivel rexional ou local e trasládanse cara o nacional e internacional”. Aí están os MST (Traballadores sem terra), o EZLN, o Sindicato Campesiño de Bolivia, CUC en Guatemala, etc, etc. Lula (da Silva) é un tanto, a punta de lanza da esperanza á fronte do Brasil e na órbita do FSM (Foro Social Mundial de Porto Alegre, Florencia…). Para eses colectivos alternativos a aportación do Che sobre a globalización financeira e depredadora, é asombrosa.

Nese vector do coñecemento e medida do neocapitalismo, o uso polo Che da “loita armada” é só anecdótico. A loita armada é unha forma histórica de liberación concreta e ocasional, non un modelo omnipresente en tempo e espazo. Máis aínda, neste tipo de fusión de imperialismo e militarismo baixo un só paraugas, o de USA, a estratexia militar guevariá sería suicida. O Che Guevara foi un pensador de sumo interese, un estratega, un honesto gobernante, un exemplar político que non foi dogmático nin infalíbel”.

N.B.- A iconográfica foto de Alberto Korda, que lle tirou ao Che en 1960, formou parte -pendurada como poster- das nosas vidas [tamén o “Diario do Che en Bolivia”]. Korda nunca esixiu dereitos de autor [só os reclamou unha vez para que non se empregase esa imaxe nun anuncio de vodka]. Naquela altura dixo: “Como defensor dos ideais polos que o Che Guevara loitou, non me opoño á reprodución da imaxe para a difusión da súa memoria e da causa da xustiza social no mundo”. Outrosí a mítica cantiga de Carlos Puebla, “Hasta siempre Comandante”, da que inserimos este vídeo, que mesmo vai acompañado dun bo feixe de fotos da súa traxectoria vital. ¡Beizón!

Os comentarios están pechados.