CARBALLO E REBOIRAS AO ABEIRO DO 12 DE AGOSTO
O 12 de agosto de 2013, o cemiterio de Imo [Dodro, A Coruña], acolleu a homenaxe anual a Moncho Reboiras que organiza o Movemento Galego ao Socialismo [MGSgaliza]. Francisco Carballo estaba alí como invitado central, pois fora represaliado por defender a memoria [nomeadamente por denunciar o homicidio de Xosé Ramón Reboiras Noia o 12 de agosto de 1975 no Ferrol], no pioneiro libro colectivo “Historia de Galicia” [ANPG, 1979]. No camposanto de Imo fixo o presbítero ilustrado de Maceda un discurso moi incisivo e abondo combativo, malia ter naquela altura 88 anos de idade e o “bicho dentro”… Aquel histórico acto foi un dos últimos que fixo en vida. Podemos atopalo en Youtube co título “Francisco Carballo, na nosa memoria”. Merece a pena visualizar o case minuto e medio que penduraron, para ollar a lucidez da súa enerxía doutrinaria, a súa forza moral, o seu amor pola Nosa Patria e o alento cara un futuro mellor para os máis desfavorecidos: “¡Navegade a contracorrente. Hai que crear outro mundo. Galiza ten que liberarse, porque está subordinada e escravizada. Os galegos están alimentados coa mentira, coa falacia, coa indecencia… Vivimos nun mundo detestábel, pero cheo de sementes de vitoria. Ganade colaboradores. Non teñades medo ao neocapitalismo; o máis brutal da historia da humanidade. Tede esperanza!”. [Fonte: www.mgs.gal]