21 DE MAIO, DÍA DA DESCUBERTA DA ILLA SANTA HELENA
Tiramos desta volta da páx. 147 de “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal” [Prol: 2002]: “Partira, moi ao seu pesar, a canonazos das costas do Kerala [India]. Vasco da Gama e Álvares Cabral, aínda que por motivos diferentes, fixeran algo parecido. Despois da Terra de Natal, avistaría o navegante galego João da Nova, a Baía da Lagoa, o Cabo do Recife, a Baía de San Francisco, o Cabo das Serras, a Baía Formosa, o Cabo das Baixas, o Cabo Talhado, a Agoada de São Bras, o Cabo das Vacas, o Cabo do Infante, o Cabo das Agulhas, o Cabo Falso e o sempre perigosísimo Cabo das Tormentas (…). Despois de dobralo cara o Océano Atlántico explorou un novo camiño nos mares da África Austral. Descubriu, o 21 de maio de 1502, outra illa deshabitada de 122 km cadrados, que se amosaría, dende aquel intre, estratéxica e punto de escala obrigatorio pró emerxente imperio portugués (…). A descuberta da illa coincidiu co santoral [consonte o rito bizantino con Santa Helena de Constantinopla]…