8 DE MARZO. CENTENARIO DO NACEMENTO DE F. CARBALLO

8 DE MARZO. CENTENARIO DO NACEMENTO DE F. CARBALLO

Portada e contraportada do díptico da homenaxe. Arquivo do autor

Co gallo do centenario do seu nacemento, imprentamos no interior dese díptico, unha breve recensión que titulamos: FRANCISCO CARBALLO, O FILLO EGREXIO DE MACEDA:

O noso presbítero ilustrado naceu en Celeirón de Asadur (Maceda) o 8 de marzo de 1925. Ordenouse sacerdote en 1949 na catedral de Cuenca. Estudou Teoloxía, Historia e Socioloxía en Cuenca, Madrid, Barcelona e Roma. Foi director do colexio San Narciso de Marín, superior do centro San Vicente de Paúl de Barakaldo (Bizkaia) e reitor do teologado dos Paúis en Salamanca.

Regresou a Galiza en 1973, con 48 anos de idade, inseríndose no colectivo de curas obreiros, aínda que puido ser bispo. Impartiu docencia na EU de Maxisterio de Vigo. Estivo en política –na órbita nacionalista- en primeira liña dende 1977 até 1985. Logo dedicouse á investigación e divulgación. Foi presidente da Asociación Cultural de Vigo e da empresa d´ANT. Tamén referente dunha escola de historiadores en clave galega.

Dende a primeira publicación sobre o Santuario dos Milagres do Monte Medo en 1963, foi imprentando textos de contido relixioso. Tamén arredor da nosa historia e persoeiros sobranceiros de Galiza. En 2002 fixo un libro de Conversas con Santiago Prol e Xan Carballa, que sintetiza a súa traxectoria; unha inmersión global na sociedade.

Placa Praza Francisco Carballo en Maceda. Foto: Santiago Prol

Colaborou sempre co que se lle demandou dende o seu concello natal. Impartiu conferencias en Maceda sobre o Cardeal Quiroga Palacios e Benigno Álvarez, o líder do Partido Comunista nos anos 30 na Galiza. Maceda nomeouno –por unanimidade do pleno municipal- como o “fillo máis sobranceiro vivo” en decembro de 1995. Explicitouse, con el presente eiquí, na homenaxe do 4 de agosto de 2000. Doou á biblioteca pública de Maceda –que hoxe leva o seu nome- boa parte da súa biblioteca particular e todos os seus libros de autor e coautor.

Morreu o 29 de novembro de 2014, con 89 anos, en Santa Marta de Tormes (Salamanca). Foi incinerado e logo soterrado co cemiterio de Asadur o 13 de decembro de 2014. O día 27 dese mes fíxose a Homenaxe de Galiza a Francisco Carballo no seu concello natal. Maceda perdía un dos seu fillos máis senlleiros; todo un referente na conformación dun proxecto historiográfico, social e cultural centrado no Noso País. Hogano, no centenario do seu nacemento, a Asociación Amigos de Francisco Carballo procura manter acesa a chama da súa memoria. SANTIAGO PROL

N.B.- O día no que Francisco Carballo cumpriría 100 anos, o xornal Nós Diario inseriu unha moi lograda achega sobre el e sobre o que estamos artellando (pinchar eiquí). Beizón!

Os comentarios están pechados.