37 ANOS, 1 MES E 1 DÍA

37 ANOS, 1 MES E 1 DÍA

Semella a sanción que lle imputaban aos reos en tempos non tan afastados. 37 anos, 1 mes e 1 día. Esa referencia coincide co período de cotización, léase anos de servizo, como funcionario de carreira no corpo (ou escala) de mestres. Xa teremos tempo pra peneirar todo ese tempo, aínda que o primeiro mes e o último desa traxectoria profesional non foron aqueloutrados consonte os parámetros da burocracia administrativa, por razóns que en chegando esclareceremos. A delongada aventura docente tomou asento en 5 centros de ensino: 1 vilego da Galiza semiurbana (a medio camiño entre a capital do Noso País e a grande cidade Atlántica), 1 vilego da Galiza profunda (no interior da provincia da Coruña), 1 rural ao abeiro do río Ulla (en cesura co perfil convexo da Bella Otero), 1 rural (en dúas xeiras) da Galiza periférica á capital do Noso País (coa ponte colgante do Xirimbao perto) e 1 vilego da Galiza mariñeira (co Monte Louro como pano de fondo). Escollemos intencionadamente pra esta primeira achega da Analepse/Xiz unha imaxe, que mesmo poderiamos identificar como logotipo do que desenvolvemos na última xeira de 11 anos no centro rural da Galiza aconchegada á capital do Noso País (o das dúas xeiras). O Citroën 2 Cabalos consorte (2 CV) de cor amarelo acompañounos un bo feixe de anos. No centro rural ao abeiro do río Ulla, mesmo foi bautizado este singular carro co nome d´A Parrula por un discente “teenager” abondo creativo ao que non lle gorentaba nadiña o mundo da “nosa” escola. Ese debuxo do 2 CV empregámolo como sinatura en boa parte do traballo docente na última xeira. A imaxe que acompañamos foi tirada dende a nosa casa, para darlle alento aos discentes, na primeira fase da pandemia (Ano 0 do Bicho), coa cidade de Santiago de Compostela completamente baleira, mesmo militarizada e ultravixiada polo que deu en chamar, pola clase política, forzas e corpos de seguridade. Naquela altura recluíronnos nos fogares “sine die”. As clases deberían continuar “on line” (¡que dolo!). A incerteza acompasounos máis tempo do aconsellado. O noso xeito de entender o mundo da docencia esnaquizouse de vez. Torceuse máis aló dos límites recomendados. A interacción máis a empatía cotiáns dos tempos de antano cos discentes, trocáronse en desacougo e calote cibernético de hogano. Agora ben, se o bicho nos deixa, pretendemos rememorar en positivo e de vagar, a xeito de analepse, esa delongada aventura de 37 anos, 1 mes e 1 día no universo do xiz. Beizón!

Os comentarios están pechados.