UN LUSTRO NO ORFEÓN UNIÓN ORENSANA (2)

UN LUSTRO NO ORFEÓN UNIÓN ORENSANA (2)

Contraportada do 2º LP do Orfeón, 1982. Arquivo do autor.

Dous anos despois de saír á rúa o primeiro vinilo, aparecía, da man do mesmo selo DIAL LIMOEIRO, o elepé “O ORFEÓN CANTA A GALICIA”. Gravarámolo en Oseira, na fermosa igrexa conventual, pois o noso mestre, don Xerardo Salgado Valdés, coidaba que tiña mellor sonoridade que a catedral ourensá, na que se percibía ruído do exterior (aínda que gravaramos a porta fechada o 1º disco completo unha tarde primaveral inesquecíbel, esta catedral está encaixada a carón das rúas dos viños de Ourense). Algún tema do 2º LP mesmo o gravaramos na singular biblioteca do Mosteiro de Oseira, que tamén amosaba moi boa acústica. Desta volta había obras fundamentais da polifonía galega como “Negra sombra”, o “Himno galego” (versión a 4 V.M. e órgano de Salgado Valdés) e varios temas, tamén en galego, do noso director, algún con letra do poeta Antón Tovar (“Os peleriños)… Na cara B do disco outra volta temas inmortais da polifonía universal: Verdi, Mozart, Beethoven, Orlando di Lasso, Heitor Villa Lobos e Fletcher.

A foto que acompaña esta achega fíxose nunha das entradas laterais da Catedral de Ourense. Aquel lustro no que estivemos nesta prestixiosa coral (1978-1983), coincidiu coa mellor etapa do Orfeón como proxección, tanto en actuacións en Ourense cidade, outrosí na provincia e fóra dela. Mesmo apareceramos nun calendario de Caixa Ourense e tamén en varias postais. Salientar a actuación na Semana de Música Sacra de Cuenca. Tamén fixemos o propio en Guimarães, Coimbra (do que falaremos na seguinte achega), Villafranca do Bierzo, Vigo e outras cidades e vilas galegas abeiradas. Ademais do formato en vinilo, apareceran os dous discos en casetes que escoitabamos no magnetofón (ou no radio-casete do Citroën Dyane-6). Unha xeira leda e moi pracenteira. Beizón!

Os comentarios están pechados.