RIGOROSO LABOR. BENIGNO ÁLVAREZ, DETRÁS DO MITO

A escritora, crítica literaria e profesora Marga Romero (Marga do Val) imprentou unha recensión do noso libro sobre Benigno Álvarez no semanario A Nosa Terra, no verán de 2008 (PINCHAR EIQUÍ). Recuperámola na bitácora e agracedemos, de novo, as súas xenerosas verbas. Beizón!:
“O historiador Santiago Prol (Maceda, 1960) achéganos o seu estudo Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30, dentro da colección “O Fardel da Memoria” (Edicións A Nosa Terra), que se converte na primeira biografía sobre este personaxe fundamental, nacido en Maceda en 1900 e atopado morto no Penedo de Vixueses, o 13 de marzo de 1937. Nas memorias de Santiago Álvarez facíase unha reivindicación obrigada do labor desenvolvido por este compañeiro de partido, que comezara militando no Partido Republicano Radical Socialista (PRRS) en 1930 e que, no ano 1932, ía ser elixido Secretario Político do PCE en Ourense.
Pouco máis sabiamos nós deste home de Maceda, cunha vida truncada polo asasinato, comprometida coa súa familia, despois da morte do seu pai, co seu traballo como veterinario, (funda o Colexio de Veterinarios de Ourense), como veciño da vila de Maceda (crea a Caixa Postal de Aforros de Maceda), coa República, co galego no que se expresa en todos os seus actos políticos, co PCE, coa súa compañeira de vida e de militancia Enriqueta Iglesias Meana e coa defensa do goberno lexítimo. A noticia da morte de Benigno Álvarez, a súa fotografía, publicada en Nova Galiza, converteu a este militante comunista nun mito, do que nin sequera ficaban outras fotografías, fortemente represaliada a familia, e con ela a memoria familiar, un irmán de Benigno, Demetrio, foi fusilado, outros dous, José e Pedro, foron asasinados e Modesto faleceu na fronte de Madrid defendendo a mesma causa que toda a familia.

Esta obra ten o valor de achegarnos a Benigno Álvarez en corpo e óso, materializado nos seus discursos, nas palabras que o condenaron, nas lembranzas das persoas que o coñeceron como a súa irmá Maruxa e, finalmente, na memoria herdada pola súa filla Mª Dolores Iglesias Meana. No libro inclúese unha conversa coa filla de Benigno Álvarez, a quen a súa nai lle lega o retrato do pai que gardou toda a vida, nas súas palabras áchase tamén a historia dun amor inmorredoiro, mentres reconstruímos coa lectura, e este é un mérito do autor, a vida militante da nai que nunca claudicou. O historiador reconstrúe dun xeito modélico, por horas, todos os acontecementos da resistencia en Maceda na defensa da República. Un libro rigoroso e emocionante”.
———————————————————
PROL, Santiago, Benigno Álvarez. Un comunista na Galiza dos anos 30, Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2008, 210 páxinas.