PAULO VI, O PONTÍFICE INCOMPRENDIDO
Ao longo das Conversas (ANT, 2002), Francisco Carballo falou de Paulo VI [Giovani Battista Enrico Antonio María Montini (Concesio, Lombardía, 1897 – Castel Gandolfo, 1978), papa dende xuño do 63 até o seu pasamento en agosto do 78]. Fíxoo en varias ocasións, mesmo cando peneiramos a Teoloxía da Liberación en Latinoamérica e a Igrexa que vive e se identifica cos pobres… No subcapítulo “Os papas do meu tempo” centramos máis a figura de Montini. Sabemos que a Paulo VI coñeceuno e tratouno persoalmente cando era reitor do teologado dos PP Paúles en Salamanca (1965-73). Naquela altura Francisco Carballo era unha autoridade dentro do organigrama da súa congregación, mesmo con moito prestixio alén dos Pirineos. Ía a Roma [mellor dito á Cidade do Vaticano e de paso á capital de Italia -e ao Trastévere onde mercou un Terra e Tempo que lle abriu os ollos a “outra realidade”…-] todos os anos a xuntanzas ao máximo nivel.

A pregunta ía -outra volta- logo dunha breve introdución nosa: “De Paulo VI tes escrito que foi o máis intelectual do século XX. Deulle un impulso decisivo ás tres derradeiras sesións do Concilio Vaticano II: Vertebrou o diálogo cos non católicos e cos non cristiáns; universalizou e renovou a curia; rachou co sedentarismo e converteuse no primeiro papa viaxeiro, maiormente ao que se deu en chamar o Terceiro Mundo. ¿Era tan progresista como se dicía nos anos 70?
Moi reflexivo contestou: “Era un intelectual. Movíase na nova teoloxía francesa e alemá. Tres das súas encíclicas son a afirmación máis rotunda do cambio introducido polo Vaticano II, a saber: Populorum Progressio, Ecclesiam Suam e Evangelli Nuntiandi. Entendía o proceso de cambio estrutural da Igrexa pero, angustiado ante as resistencias, dubidaba da velocidade a imprimir; optou por un lento reformismo no interior da Igrexa e pola diplomacia de concertos a nivel mundial. Frustrou esperanzas e non impediu o cismo dos ultras. Abriu un camiño discutíbel na política de influencias do Vaticano. Para min é o papa máis entrañábel desta Igrexa, na que os ritmos tan diversos esixen marxes de manobras. Ao non atreverse a demoler o organigrama curial da Igrexa de Roma, para un pensador como el, o exercicio do poder supuxo unha crucifixión”.