O ESPELLO DE GÓMEZ GAYOSO

O ESPELLO DE GÓMEZ GAYOSO

Xosé Gómez Gayoso, miliciano en 1936. Arquivo ANT

Hai catro espellos nos que todo galego de ben debe mirarse. Catro figuras egrexias que nos deben servir de exemplo a todos. Refírome a  Afonso Rodríguez Castelao, Benigno Álvarez, Alexandre Bóveda e Xosé Gómez Gayoso” [Luís Soto, 1983].

Xosé Gómez Gayoso, que nacera o 20 de setembro de 1910 na vila de Maceda, emigrou dende moi cativo cos seus pais cara Vigo, unha emerxente cidade portuaria con moitas posibilidades. Na xeira republicana tivo un perfil baixo pois era moi novo. Exerceu como escolante en Santa Cristina de Lavadores, naquela altura concello independente, anexionado a Vigo en 1941. Porén, Gómez Gayoso, dende o verán de 1936, pasou á primeira liña. Comezou a traballar con Pedro Checa na comisión da organización do Partido Comunista de España (PCE). Logo coas milicias galegas e co coronel Enrique  Líster, que abandeiraba o mítico Quinto Rexemento [e que chegaría a xeneral do exército roxo dos rusos na II Guerra Mundial]. Gómez Gayoso dirixiu o xornal frontepopulista Nueva Galicia [portavoz dos antifascistas galegos] no que colaboraran Castelao, Osorio Tafall,  Delgado Gurriarán…

Rematada a contenda bélica en España, exiliouse en Francia, República Dominicana, Cuba, Estados Unidos e México. En 1944 regresou clandestinamente a Madrid. Dende 1945 abandeirou eiquí [dende a cidade da Coruña], na súa condición de Secretario Xeral do Partido Comunista de España en Galicia, a guerrilla antifranquista, profesionalizándoa e intensificando as súas accións. Foi ferido, detido e torturado na Coruña en 1948. Executárono “a garrote vil”, xunto con Antonio Seoane, o 6 de novembro dese 1948 na prisión provincial, a carón da Torre de Hércules. Os seus restos mortais descansan na sepultura 98 do Cemiterio de San Amaro (A Coruña).

Lápida en memoria de Gómez Gayoso e Antonio Seoane. Cemiterio San Amaro (A Coruña). Foto: Santiago Prol

Maceda está en débeda con el. Foi gabado por Rafael Alberti e por Neira Vilas, que no poema “Tres cartas” remata: “Era Xosé Gómez Gayoso. / Era aquel home de pantrigo e de aceiro. / Era un invencible corazón / que lle sorrí ó verdugo / mentres se enxuga a tinta daquelas despedidas, / daqueles tres disparos ó futuro… / A xeito de post-data, / un ferrollo asasino / premeu a gabia do heroe de Maceda”. 

Os comentarios están pechados.