MACEDA EN INVERNO. Ramón Caride

Pásanos Moncho Caride o poemario Diacrónica (Editorial Juglar, 2025), no que recupera un bo feixe de composicións imprentadas en incursións de 2006 (As máscaras de Cronos) e 2009 (Criptografías). Desta volta nunha edición bilingüe (coa “axuda” do seu heterónimo / tradutor -ao castelán- Darío Gancedo).
Como Moncho Caride é fillo adoptivo de Maceda dende hai case medio século (só falta que o recoñezan institucionalmente), imos pendurar o poema que titulou MACEDA EN INVERNO, que tivo a ben dedicarnos e que vai nas pp 108-111. Un sentido percorrido polo universo telúrico abeirado ao Val do Medo, á Serra de San Mamede e aos venteados montes do Rodicio, nunha singular contorna que os xeólogos chaman Depresión Tectónica de Maceda. Beizón!

San Mamede semella / un xigante durmido / á beira dun val oco / concavidade inversa / coa forma deste mundo
pingan as canellas / carambelos de lazo
nin vento / nas carballeiras
todo suspenso / detido
aínda a vida / latexa / agardando / novos gromos
pedras vellas da Torre / barreiras de Nodaiga / penedos do Rodicio O Couso/ A Teixeira / Monte Medo Baldrei / Carguizoi ou Escuadro
leiras de Foncuberta / Casasoá Chaioso / Tioira Casonel
Todo escuro / espreita / asexa / madrugadas de luz / solsticios de lume novo / noites / de labaredas / fulgores / abrentes / beixos apertas / vida que agrome / outra volta
aínda / agarda todo.
