OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO: LIMPIAS (CANTABRIA)

Para non poucas fasquías da traxectoria vital de F. Carballo tiramos do libro das Conversas (Prol / Carballa, 2002), das memorias mecanoscritas (“Un brado na noite”) que nos pasara el en 2001, tamén de diversas fontes orais e, dende agora, de “O meu século. Memorias para sobriños netos e curmáns”, que lles fora remesando, dende abril de 2008 até xaneiro de 2012, e que tivo a ben pasarnos Sergi Carballo Losada, curmán en segundo grado do presbítero ilustrado de Maceda, residente en Barcelona. Unhas memorias familiares “íntimas e sinceras, mais non infalíbeis” en verbas de Carballo, que procuraremos exhumar co tacto e consideración que corresponde. Imos, xa que logo, ensarillando as tres fontes escritas, coa súa estadía en Limpias (Cantabria) dende 1938 até 1940, “en tempos crueis en España”.

Despois do seu paso polo “pequeno seminario” dos Milagres (Monte Medo) dende 1936 até 1938, en plena Guerra Civil, Carballo estivera a piques de abandonar os estudos. O seu pai morrera en agosto daquel 1938: “A miña nai pensou reterme para os traballos da casa, pero tirou para adiante cos outros irmáns e deixounos aos maiores seguir estudos como internos”.
Logo engade: “Saímos a comezos de setembro dende os Milagres cara Limpias (Cantabria) co Padre Esparza. En Ourense a un tren que ía atestado de soldados (recrutados para a guerra). Iamos de pé nos corredores. Logo, nun vagón do gando sen asentos pasamos a noite como puidemos. Paramos en Palencia e despois en Santander. Dende alí até Limpias. O colexio era lindo, levaba anos funcionando e, daquela recollía alumnos dos paúis ao arder o que deberían ocupar en Guadalaxara.

Os dous anos en Limpias foron rutineiros: estudos fáciles, ideais sublimes… A vida do alumnado era máis formalista que nos Milagres. Había máis atención aos estudos. Reuniámonos alumnos procedentes de Tardajos (Burgos), de Murguía (Araba), de Pamplona, dos Milagres (Ourense) e de algún máis. Tres cursos e arredor de cen alumnos. A forza dos estudos recaía no Latín e no Grego. Fixen rápidos avances grazas aos apuntes do meu irmán maior Adolfo. Conseguín os primeiros postos do curso. Porén, tivemos que aguantar bromas pesadas pola nosa falta de léxico castelán, ton e cultura diferente. Só había competicións entre procedencias de fútbol.
Afondei na miña pertenza a Galiza. Doeume a miña obrigada fala en castelán. Comecei a estudar Inglés e Francés. Sobresaín no xadrez, mesmo derrotando aos profesores. Non aproveitei a oferta de Arrieta (un gran pianista) para aprender a tocar ben o piano. Cando posteriormente o intentei xa non había profesor.

En terceiro de Latín (o primeiro ano en Limpias) recibín a primeira amoestación de confesionario. Eu, nese período, de terceiro a quinto, resolvín dous problemas e medio: adolescencia, vocación e estudos. Fun unha persoa normal. Aos trece anos descubrín o que era a puberdade. Eu era do rural e coñecía perfectamente todos os misterios, non tiña esas curiosidades. Atopei nos seminarios, xa en Teoloxía, xente que non distinguía unha vaca dun boi.
En Limpias enriquecín os meus coñecementos ambientais: baño no río e no mar, comida de froitos hortícolas sen cociñar, comunicación con persoas da diversa España. A comida supuxo esforzos. Tardei como un mes en tragar alimentos sen aceite nin fritura. Só o cheiro impedía proba. Enfermou un alumno. Morreu de tifus. Ao volver do cemiterio chamoume o “inspector”, o cura encargado da disciplina. Díxome que se non comía, axiña me enterrarían como o finado. Comecei a comer do que había: lentellas, patacas sen debullar, pementos sen fritir, etc. Xa nos Milagres tivera problemas co arroz a flotar na auga, o que me esperaba no campo da alimentación!

Xa dixen que en Limpias a puberdade xermolou con furia. Eu soñaba, pero estudaba. Tiña un amigo e confidente, Julián del Río, un burgalés, fillo de ferroviarios. Diferente dos outros casteláns, tan estraños. Ao terminar 3º díxome que me fose con el para estudar en Burgos e librarnos daquel encerro. Non lle fixen caso e doeume a súa despedida. Con rabia lía todo o tempo canto podía. Había unha pequena biblioteca abandonada á que ninguén se acercaba. Lin literatura castelá de todos os séculos. Farteime tanto dela que endexamais volvín mergullarme nela. Lin literatura costumista, relixiosa, vidas de santos (haxiografías), novelas como Quo Vadis?, Tigranate (o relato histórico dos tempos de Xuliano o Apóstata), sobre a Revolución Francesa, etc.
Pasaron por Limpias uns paúis curiosos como o Padre Herrera e o Padre Bonifacio. Este contaba chistes graciosos. Nada parecido aos paúis profesores. O Padre Herrera traía unha biografía de Xoán Gabriel Perboyre. Perdera a maleta co libro. Recitábanos de memoria páxinas e páxinas… Fun á biblioteca e atopei unha biografía breve daquel misioneiro paúl martirizado en China na metade do século XIX. Alter Christus era o título da biografía, porque tal benaventurado todo o miraba baixo o modelo de Xesucristo. O impacto aínda me dura. No 1953 e no 2002 pasei por París e recei ante os seus restos martiriais, visitei o seu lugar de nacemento, unha casa labrega en Puech. Xoán Gabriel fora un neno campesiño, estudara cun tío, entrara na Misión en París e tiña consigna de ser discípulo a copiar a Xesucristo. Naquel cúmulo de paixóns de adolescente, naquel intre de idealismo do curso postbélico 1939-40, eu decidín ser como Xoán Gabriel. Non llo comuniquei a ninguén até 1941, que entrei no noviciado dos paúis en Madrid. A batalla ía ser dura”.
Fonte vídeo: PROYOU DIGITAL
N.B.- Eis un interesante vídeo sobre Limpias. Estivemos nesta singular vila cántabra, a comezos de febreiro deste 2025, de camiño ao Val de Carranza en Biskaia (Karrantza Harana). Paga a pena visitar Limpias, un concello de case 2.000 habitantes (cando estivo Carballo alí rondaba os 1.800 h.). Beizón!