DONA EMILIA E O PRESBÍTERO VIDAL
Consonte Manuel Vidal a condesa era unha muller de gran enerxía, con moito carácter e “arrestos masculinos”. Outrosí ofrecía “todos los trazos y matices del eterno femenino, desde la ternura maternal hasta la pronunciada susceptibilidad de sus nervios”. A condesa só durmía cinco horas ao día. Era unha persoa autodidacta cunha cultura enciclopédica, que mesmo abeiraba os cen libros da súa autoría publicados.

A relación de Manuel Vidal coa Pardo Bazán viña de lonxe. A condesa leváballe ao presbítero ilustrado de Maceda vinte anos. Non falta quen viu algo máis que unha relación de intereses literarios ou espirituais entre os dous. O escritor César González Ruano dicía que a condesa era grosa, co pelo moi branco e as mans carnosas e con pecas: “Tiña unha pel entre rosa e roxa, o queixo alongado cara o curto pescozo, que mesmo continuaba nun enorme escote sempre aberto…”.
O sobriño neto do presbítero ilustrado de Maceda, o doutor Indalecio Vidal Iglesias, tamén evoca esa fasquía. Sempre se refire a Manuel Vidal como “o meu tío Manolo”, aínda que na realidade era tío avó seu:

“A condesa de Pardo Bazán era gran amiga do meu tío Manolo dende 1901. Con ela pasou, durante anos, o verán no Pazo de Meirás como capelán persoal. As malas linguas de sempre dicían que aquilo foi algo máis que unha boa amizade. Eu sempre confiei na integridade e castidade do meu tío Manolo. Non tanto na da señora condesa, muller apaixonada e, como boa naturalista, non certamente tímida. Penso que incluso puido forzar ao meu pobre tío a cometer actos impuros que, naquela época, puidesen telo condenado ao fogo eterno, de non ter sido a súa profunda relixiosidade (…). O meu tío non tiña culpa algunha, por suposto, de que dona Emilia precisase entreter as súas horas de ocio e de excitación” (Vidal Iglesias: 2006).

Os domingos a condesa non escribía nada. Endexamais comentaba ren sobre os seus traballos literarios en proceso. Coida Manuel Vidal que a xestación das obras de arte, como na natureza, convén máis a reserva e o silencio: “Tal vez había observado que puestas a la luz antes de ser publicadas, entibian el fervor de la inspiración y parece que pierden algo de su encanto o de su aroma”. Asistía a condesa á misa, almorzaba cos seus fillos, lía revistas gráficas, mesmo salientaba os artigos que coidaba interesantes con lapis vermello. Xogaba ao póker e ao tresillo e, pola tarde, ía até a cidade da Coruña ou a localidades abeiradas á Granxa de Meirás para dar unha volta. Algúns domingos facía excursións máis longas, mesmo até Ferrol, onde tamén tiña posesións.
