AUTOBIOGRAFÍA

Nacín ao pé do Xigante Durmido. Empezaba a caer a folla no outono de 1960. Daquela había moita cativada na nosa vila. Tiven unha infancia venturosa cun marco privilexiado. Sempre estabamos na rúa. As escapadas furtivas á Torre, ao río, ás cabanas, aos muiños e ás tobeiras, formaron parte da nosa paisaxe máis acesa. Tamén as mestas nevadas da invernía coa Serra de San Mamede e cos Montes do Rodicio omnipresentes.

Nunha analepse espiraliforme rememoramos contos de lobos do avó materno. Tamén a súa aventura migratoria na Arxentina. Sempre a carón do pote e da bilbaína. Malla na eira. Colleita das patacas kennebek. Rechouchío de carros. Magosto. Matanza. Carambelo. Cheiro a carbón na forxa. Ferro ardente na zafra. Chumbo fundido. Primeiro Citroên na casa. Tintín na biblioteca. Tour de Francia no bar da Fina. Bonanza nas escaleiras da tasca do Toniño. Chegada á Lúa no bar do Xulio. Todo en branco e negro. Spaguetti westerns no Cine Gayoso. “Oye como va” de Carlos Santana pola megafonía. Cucuruchiños de maní no ambigú. Arrecendo a olivas no casino. Cachombas polo Toural abaixo. Festas das Neves. Torneos triangulares. Batallas campais. Veráns abafantes. Piscinas atestadas. Balsas polo río. Rota dos muiños. Guateques na Torre. Casa da Xuventude. Bob Dylan “number one in the world”. Bacharelato & COU nos Milagres. Partidos en Balaídos contra o Athletic Club. Agrupación Cultural Os Cabaceiros. Primeiras eleccións democráticas. Mitins na feira. Aula 8 en Medicina. Folgas en Compostela. Iniciación. Retorno. Ourense bretemoso. Escola de Maxisterio. Dyane 6 vermello. Cafés ao tute no Heriberto. Callos no Delmiro. Orfeón Unión Orensana. Amália, Zeca & Coral Poliphónico de Coimbra. Xiras pola Iberia. Tres vinilos. Neruda, Rulfo & García Márquez. Rexurdimento e Nós. Primeiros versos. Cartas ao director. Trauma familiar profundo. Vinicius de Morães e os portentos da Bossa Nova. Guerra das Malvinas. Ella Fitzgerald. Segundo trauma. Fuxida cara adiante. Exilio en Compostela. Novela erótica truncada. Poemas na revista Dorna. Viva Nicaragua libre. Sexenio en dique seco. Viaxes por Europa…

Regreso ao tunel intrauterino. Traballo trepidante [pinchar eiquí]. Recuperación da máscara do Entroido. Felos en “prime time”. Incursións na Nosa Memoria. Homenaxe a Benigno Álvarez. Semanario ANT. Exposición “A mirada de transparencias cordiais”. Gómez Gayoso axit-prop. Hitchcock, Fellini, Ava Gardner e o perfil convexo da Otero. Os spots de Martini. Bach, Tchaikovski & Beethoven. Cesaria Évora. Centenario de Quiroga Palacios. Exposición fotográfica sobre o Cardeal de Galiza. Aproximación ao precursor Xosé García Mosquera. Poemario Alga e fungo. Pioneiro ensaio João da Nova, un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal. Tamén Conversas con Francisco Carballo. Lisboa no coração. Expo-João “O descubridor galego do século XVI”. Pregón da Festa Medieval. Biografía Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República. Outrosí Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30. Nobres vencellados ao Castelo de Maceda con Afonso X en nómina. As caras do Entroido ourensán. Felos de Maceda, enigma ancestral e cosmopolitismo. Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda. Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda (1974-1986). Doce anos de concienciación e de identidade, Conversas co Bieito… Materias pendentes co Noso Cardeal, co poeta García Mosquera… Acougo derradeiro no Medrollo.