DONA EMILIA E O PRESBÍTERO VIDAL

DONA EMILIA E O PRESBÍTERO VIDAL

Consonte Manuel Vidal a condesa era unha muller de gran enerxía, con moito carácter e “arrestos masculinos”. Outrosí ofrecía “todos los trazos y matices del eterno femenino, desde la ternura maternal hasta la pronunciada susceptibilidad de sus nervios”. A condesa só durmía cinco horas ao día. Era unha persoa autodidacta cunha cultura enciclopédica, que mesmo abeiraba os cen libros da súa autoría publicados.

Entrada de carruaxes (e logo coches) na Granxa de Meirás. Foto: Santiago Prol

A relación de Manuel Vidal coa Pardo Bazán viña de lonxe. A condesa leváballe ao presbítero ilustrado de Maceda vinte anos. Non falta quen viu  algo máis que  unha relación de intereses literarios ou espirituais entre os dous. O escritor César González Ruano dicía que a condesa era grosa, co pelo moi branco e as mans carnosas e con pecas: “Tiña unha pel entre rosa e roxa, o queixo alongado cara o curto pescozo, que mesmo continuaba nun enorme escote sempre aberto…”.

O sobriño neto do presbítero ilustrado de Maceda, o doutor Indalecio Vidal Iglesias, tamén evoca esa fasquía. Sempre se refire a Manuel Vidal como “o meu tío Manolo”, aínda que na realidade era tío avó seu:

Lateral da Torre de Levante do Pazo de Meirás co escudo nobiliario da condesa. Foto: Santiago Prol

“A condesa de Pardo Bazán era gran amiga do meu tío Manolo dende 1901. Con ela pasou, durante anos, o verán no Pazo de Meirás como capelán persoal. As malas linguas de sempre dicían que aquilo foi algo máis que unha boa amizade. Eu sempre confiei na integridade e castidade do meu tío Manolo. Non tanto na da señora condesa, muller apaixonada e, como boa naturalista, non certamente tímida. Penso que incluso puido forzar ao meu pobre tío a cometer actos impuros que, naquela época, puidesen telo condenado ao fogo eterno, de non ter sido a súa profunda relixiosidade (…). O meu tío non tiña culpa algunha, por suposto, de que dona Emilia precisase entreter as súas horas de ocio e de excitación” (Vidal Iglesias: 2006). 

Dona Emilia Pardo Bazán traballando. Fonte: elasombrario.publico.es

Os domingos a condesa non escribía nada. Endexamais comentaba ren sobre os seus traballos literarios en proceso. Coida Manuel Vidal que a xestación das obras de arte, como na natureza, convén máis a reserva e o silencio: “Tal vez había observado que puestas a la luz antes de ser publicadas, entibian el fervor de la inspiración y parece que pierden algo de su encanto o de su aroma”. Asistía a condesa á misa, almorzaba cos seus fillos, lía revistas gráficas, mesmo salientaba os artigos que coidaba interesantes con lapis vermello. Xogaba ao póker e ao tresillo e, pola tarde, ía até a cidade da Coruña ou a localidades abeiradas á Granxa de Meirás para dar unha volta. Algúns domingos facía excursións máis longas, mesmo até Ferrol, onde tamén tiña posesións.

Manuel Vidal. Portada do libro (Prol: 2017)
Os comentarios están pechados.