EMILIA PARDO BAZÁN E BENITO PÉREZ GALDÓS

A primeira parte de Torres de Meirás. Vida y trabajo de la Condesa de Pardo Bazán y el Caudillo (1939) é a que achega máis proveito Manuel Vidal (pinchar eiquí). Está dedicada integramente á condesa de Pardo Bazán e ás Torres de Meirás. O presbítero de Maceda mesmo revela detalles biográficos de entrambos. Outrosí algunha das súas afeccións persoais: longos paseos a carón do mar á hora do té até Oleiros, Santa Cruz e Sada. Tamén cumpridas lecturas de prensa e libros da biblioteca privada dela. Dispuñan para os invitados na Granxa de Meirás de diversos xornais galegos, prensa de Madrid e mesmo estranxeira, que chegaba ás tres e media da tarde co correo ordinario. Outrosí Manuel Vidal sostiña faladoiros privados en tándem coa escritora denantes de empardecer, nomeadamente sobre Literatura, Filosofía e Relixión. Lois Tobío, no seu libro de memorias, aporta sobre esta obra do presbítero ilustrado de Maceda un aspecto a salientar:
“Na parte correspondente a dona Emilia, alude ao catolicismo encuberto de certo escritor de esquerda, un masón amigo dela que parece ser Galdós; e, de certo, é unha mágoa que don Manuel Vidal non chegase a coñecer as cartas apaixonadas que ela lle escribiu a don Benito, como tamén é unha pena que se teñan perdido as deste a ela, que estaban no Pazo de Meirás e que Franco mandou queimar, xa se pode supoñer por que” (Tobío: 1994).
Emilia Pardo Bazán envioulle, cando menos, 92 cartas a Benito Pérez Galdós. Das que o novelista de orixe canario lle redactou á condesa, consérvase unha, a que dá inicio á relación epistolar entre os dous, e que leva data do 5 de abril de 1883. Miquiño mio. Cartas a Galdós (2013), é un traballo recopilatorio no que Isabel Parreño e Juan Manuel Hernández exhuman as 92 misivas. O que comezara formalmente por “querido y respetado maestro”, vai trocándose en “ratonciño del alma, miquiño mío del alma, mi bien, querido de mi corazón, amado roedor mío, chiquito mío, adiós Yoyito…” Dende 1890 até 1915 as misivas denotan certo distanciamento: “ilustre y querido amigo”, aínda que manterían unha relación cordial e profundo respecto mutuo até o falecemento de Galdós en 1920, un ano antes do pasamento da condesa. Algunhas desas cartas reflicten a vindicación dela como persoa e a súa condición de muller ceibe que decide por si mesma.
O seu marido, logo de non poucos conflitos de parella en 27 anos de matrimonio pouco edificante e de infidelidades por parte dela, déralle un ultimato: “Ou eu ou a Literatura”. A opción dela fora contundente. A Condesa de Pardo Bazán, centrada no seu traballo intelectual, chegaría ao que logo representou no mundo literario español. Ao longo da súa vida encarou exclusións polo feito de ser muller. Porén, trocouse co paso do tempo nun dos referentes fundamentais da emancipación feminina na España de entre séculos.

Semella incerto que Manuel Vidal non soubese ren daquela relación entre a Pardo Bazán e Pérez Galdós. Mesmo é plausíbel que se amparase na máxima do segredo de confesión. Era “vox populi” aquela relación nos círculos literarios de Madrid, mesmo cando o presbítero ilustrado de Maceda xa “era alguén” na capital do Estado na primeira década do século XX, cando se arrefriara aquela paixón, non só epistolar, entre dúas das grandes personalidades da Literatura española. O enfoque que aporta Manuel Vidal no seu canónico manual sobre este “apaixonado amante” da condesa, afástase do haxiográfico e denota contundencia analítica:
“El gran defecto de Benito Pérez Galdós fue dejarse llevar por sus ideas sectarias y tendenciosas en casi todas sus novelas. Todos los sujetos que en ellas sustentan ideas o sentimientos católicos, son invariablemente fanáticos, hipócritas, avaros, enemigos del progreso, odiosos por algún concepto y desde luego antipáticos” (Vidal: 1928).