ASOCIACIÓN CULTURAL DE VIGO E CARBALLO

ASOCIACIÓN CULTURAL DE VIGO E CARBALLO

F. Carballo e Costa Gomes, 1983. Foto: Xan Carballa

Francisco Carballo chega a Vigo no outono de 1973 cunha teima: inserirse en todas as frontes posíbeis para “facer camiño”, para dignificar Galiza e para que o pobo galego tome conciencia de seu. Así contacta con persoeiros centrais dentro do mundo nacionalista naquela altura: Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez… No libro das Conversas (ANT, 2002) e nas Memorias que tivo a ben pasarnos, dedícalle varios parágrafos á súa xeira na Asociación Cultural de Vigo. Desta volta tiramos do que a AS-PG sintetiza daquela etapa:

Paco Rodríguez, Francisco Carballo e Xabier Alonso en Vigo, ca. 1985. Foto: Xan Carballa

“Impulsada por un fato de persoas de perfil ideolóxico diverso, mais con predominio do nacionalismo, no ano 1965 fundouse a Asociación Cultural de Vigo, coa vocación de constituír un foro de debate político e do ser galego na cidade, ao tempo que servir de cobertura á clandestinidade fronte á ditadura. Estas liñas orientaron a súa primeira xeira, dende a fundación até os estertores do franquismo, relevándose na presidencia Camilo Nogueira, Méndez Ferrín, Nemesio Barxa ou Bautista Álvarez, entre outros. Ademais de servir de cobertura ao nacionalismo organizado, a “Cultural” realizou unha intensa actividade visualizada na convocatoria de cursos de lingua galega, audicións radiofónicas, recitais e presentacións musicais, representacións teatrais, multitude de conferencias dos vellos referentes nacionalistas e actos multidisciplinares como os festivais celtas celebrados no auditorio de Castrelos.

Suso Vaamonde na homenaxe a José Afonso en Castrelos, Vigo, 1985. Fonte: Fundación Terra e Tempo

Nun segundo período, entre 1979 e 1986, a directiva -presidida por Francisco Carballo- asumiu o reto de achegar a cultura galega á sociedade, co obxectivo claro de identificar á xente coa súa Patria. Foi a xeira de meirande proxección: convocouse ao asociacionismo de base vigués para a recuperación do Entroido e organizáronse actividades como o cineclub, as excursións culturais, mostras de arte popular, cursos de lingua, literatura, historia, xeografía, ciclos de conferencias e palestras (Mario Benedetti, monseñor Araúxo Iglesias, Costa Gomes…), a creación dun obradoiro de audiovisuais [pioneiro], cuxas producións percorreron todo o Noso País presenciadas por milleiros de espectadores, e a organización de grandes eventos como a homenaxe multitudinaria “Galiza a José Afonso”, aínda en vida do cantautor portugués ou o concerto do “Canto General” con Theodorakis en 1983 [en colaboración coas Asociacións Culturais de Galiza]”.

Eis o “Canto General” de Pablo Neruda consonte a singular cosmovisión musical de  Mikis Theodorakis [en directo  dende Santiago de Chile -desta volta- en 1993], que tanto lle gorentaba a Francisco Carballo. El escoitaba a cotío o concerto -nunha casete que lle gravamos- no seu “carro”, un histórico Opel Corsa. Contábanos -a gargallada limpa- a anécdota do que lle sucedera no Pavillón das Travesas en Vigo, cando trouxera -nun potentísimo evento- a Theodorakis, os seus vocalistas, músicos e coros para interpretar o “Canto General”. Cando saíu ao escenario para presentalo, boa parte do público coidaba que o músico grego era Francisco Carballo, con aplausos interminábeis que non lle permitían solventar o equívoco…

N.B.- Na primeira foto de Xan Carballa aparece Carballo con Costa Gomes [o decimoquinto presidente da República Portuguesa, 1974-76], nun ciclo de conferencias titulado “A Paz no Mundo” en 1983, no antigo auditorio da Caixa de Aforros de Vigo. Na segunda foto está con Francisco Rodríguez e Xabier Alonso, nun acto no local da Asociación Cultural (en Vigo cara 1985). Na terceira ollamos a Suso Vaamonde no escenario no Festival Homenaxe a José Afonso no Parque de Castrelos (Vigo), o 31 de agosto de 1985, diante de 20.000 persoas.

Os comentarios están pechados.