ENTREVISTA A UN FELO AMIGO

ENTREVISTA A UN FELO AMIGO

Fonte das dúas imaxes: “Conversas co Bieito” (2022), páx. 290

Comezamos o engaiolante traballo de campo arredor do universo Felo a finais dos anos 80 do século pasado. Trinta e pico anos despois fixémoslle, no relevante libro en clave nosa “Conversas co Bieito” (Prol: 2022), publicado pola editora ourensá Difusora, varias preguntas arredor do enigma ao noso amigo Xosé Bieito Seara Formoso (páxinas 241-244 do capítulo “Vida social / O lecer”). Recuperámolas desta volta, xa que logo sintetizan aqueladamente o que hogano interpela aos Felos de Maceda. Mesmo o camiño que levan percorrido dende hai tres décadas:

O Felo amigo na praza das Toldas de Maceda. Arquivo do autor

Dende hai moitos anos Bieito Seara vístese de Felo o Sábado do Entroido e, ás veces, tamén o Martes de Entroido. Eu, que levo anos traballado ese fenómeno, non podo saber que se sente interiormente, nin cal é o rol auténtico do Felo, pois nunca me puxen do outro lado da trincheira, e mira que levas anos dicíndome que me vista de Felo. ¿Podes mergullarnos no universo Felo? ¿Que se sente?

Patrimonio inmaterial de singularidade  nosa. Vestinme por primeira vez de Felo co Benito Fernández a comezos dos anos 90. Aínda non había esta planificación organizada polo Concello  de Maceda de ir polas aldeas, que comeza en Castro de Escuadro e remata no Lar dos Felos en Tioira, moi perto dun dos cruceiros máis logrados de Galicia. Naquela altura saíase espontaneamente e cada quen ía onde lle petaba. Ese espírito anárquico e rebelde que evocas ti sempre. Daquela alugaramos os traxes e foramos polo Rodicio, por Couzada e pola Costa, que é o pobo do Benito. A xente invitábanos nas casas a tomar un vaso e a pinchar algo de chourizo ou queixo. Quedaramos mallados.

Ten en conta que un traxe completo de Felo, e dependendo do volume e do número de chocas, pode andar en 20 quilos de peso ou máis. O Benito era moi coñecido. Estivera vivindo no Rodicio moitos anos e agora volveu ás orixes e témolo como veciño da Costa. Naquela altura era a xente das aldeas a que maioritariamente se vestía de Felo e mesmo algunha se achegaba até a vila. Eu fixen á inversa. Vestinme de Felo pois tiña claro que ao ser de Maceda era case obrigatorio pra min ter esa experiencia. Sabes que no Entroido disfraceime todos os anos de moitas cousas. Eu levaba latente aquela arela. Outras veces vestinme de Felo co Xulio Conde, co Ángel do Soto, co Benito moitas veces, co meu fillo Xabier… 

O Felo Benito Fernández na páx. 57 de “Nunha túnica de sombra (Fío a fío de vida felos)”. Emilio Araúxo, 2020

Preguntábasme que se sente. A resposta é clara. Un sentimento de pertenza a un territorio singular, cunha tradición ancestral, mesmo esa sensación de ter certo poder transgresor cando vas revestido de Felo. Eu metíame moito coa xente. Agora xa menos. Sempre en plan lúdico. Como era vilego, quería demostrar que tamén podía meterme no pelexo dun costume atávico, moi arraigado nas aldeas, e que trataba de poñelo en valor. Sabes moi ben que aos Felos onde mellor os reciben é nas aldeas. Moito máis que na vila. Dende aquela sinto como unha obriga comigo mesmo vestirme de Felo todos os Entroidos. O único ano que non me vestín foi no Entroido de 2021 por culpa da pandemia (…).

O Felo amigo e o patriarca Manuel Garrido Silva. 8/III/2017. Foto: Santiago Prol

¿Canto pode custar un traxe completo de Felo, carauta incluída?

Pois depende da calidade dos materiais que leve, pero podería arriscar que anda entre os 2.500 e os 3.000 euros. Sabes que unha carauta artesá feita por alguén que leve nesta tradición toda a súa vida, pode ter un valor engadido. Estou pensando nas que facía o señor Manuel Garrido Silva de Vilardecás. El foi un verdadeiro patriarca que recuperou, dinamizou, comprometeuse e transmitiu todo o universo Felo. Hoxe temos artesáns de moito nivel na contorna de Maceda facendo carautas de Felos. Tamén costureiras que amosan unha grandísima profesionalidade nese eido. Por certo a mitra da miña carauta de Felo pintouna a miña muller. O canónico é inspirarse en animais ou aves do Val do Medo ou da Serra de San Mamede. A miña leva un lobo da Serra.

A proba de lume todos os anos pra min é subir Castro de Escuadro, unha aldea de case un quilómetro de lonxitude e sempre costa arriba. O autobús deixa aos Felos moi abaixo. Vas frío, sen quentar, pois é o primeiro tramo que fas. O problema é a altura e o peso que levas enriba. A xente nova tira a un ritmo que non é doado seguilos. A carauta abafa un pouco e como veña un día de febreiro cunha temperatura de primavera, pois xa podes imaxinar. Algún ano fixo moito frío, mesmo choveu e nevou forte, pero os Felos saímos igual.

Eu xa non teño 20 anos. Agora ben, ese reto aínda estou en condicións de asumilo. Hai xente da miña idade e maior tamén, que salta esa primeira etapa de Castro de Escuadro. Ten en conta que esa pode pasarche factura pra encarar todas as demais ao longo da mañá. Despois de Castro baixamos andando a Pías, onde se facían algúns dos reinados antiguamente. Logo percorremos Santirso e interactuamos no centro da aldea cos paisanos. Dende alí hai xente que imos andando até  Xinzo da Costa. Rematamos a mañá en Celeirón…

O Felo amigo en parella con outro Felo na aldea de Castro de Escuadro, Entroido de 2015. Arquivo: Bieito Seara

A comida á que imos os Felos varía o lugar, aínda que ultimamente faise no Restaurante A Diligencia de Maceda, pois semella máis operativo. Algúns anos montáronse carpas nas aldeas [Castro de Escuadro, Celeirón…] e un “catering” contratado a xente allea a nós. Estamos a falar de comidas pra máis de 200 persoas, entre Felos, reporteiros gráficos, xornalistas, escritores, antropólogos, invitados e outra xente abeirada. Pola tarde faise o percorrido pola parte baixa do Val do Medo, comezando por  Barxela, logo Vilardecás, Carguizoi, Sarreaus, Tioira… Moitos xa quedan alí no Lar dos Felos. Outros achéganse até a vila. O “tute” é inmenso. Non todo o mundo aguanta todo o día con ese ritmo. Pra min tamén é un xeito de probarme cada ano. O Domingo de Entroido repítese a rota con algunhas variantes.

Hai xente que isto de ir no autobús non acaba de velo como auténtico e vai por libre. Pero estamos falando de que nos mobilizamos máis de 150 Felos un Sábado de Entroido e algúns menos o Domingo. Teriamos que buscar un medio no que se puidese ir de pé sen ter que sacar as chocas. Sempre é complicado casar as tradicións cos tempos de hoxe no que hai implicada tanta xente.

O Felo amigo retratado por Emilio Araúxo. Fonte: “Na noite dos nomes (Felos)” (páx. 20). Amastra-N-Gallar, 2018

“O Triángulo Máxico son os puntos cardinais do Entroido, o carnaval rural máis antigo de España, pero a intensidade non se limita a estes tres puntos [Xinzo, Laza e Verín], xa que logo Vilariño de Conxo e Maceda tamén celebran o seu Entroido especial”. Isto apareceu, así publicado, no xornal La Región, o 7 de febreiro de 2018. ¿Que pensas disto?

Sobre o do Triángulo Máxico do Entroido, sen ter nada en contra de Verín, Laza ou Xinzo de Limia, é un reclamo mediático moi ben artellado por eles, que lles funcionou de cara ao turismo, pero que en Ourense hai moitos Entroidos cunha vitalidade enorme. O de Maceda non ten nada que envexarlle. Até podemos presumir de ter un dos máis singulares de todos cantos hai. Se algo non vexo ben é o de desfilar os Felos polas rúas da vila o Martes de Entroido. A súa transgresión queda descafeinada. Sabes que uns cantos deles néganse a facer iso. Mesmo poderíamos poñernos de acordo nun rol arredor deses bailes, golpes coas chocas, esgutíos, flirteos e brincadeiras co caxato. Porén, colidiría co espírito anárquico dos Felos…

Carauta do Felo amigo. Arquivo: Bieito Seara

Dende hai uns anos en Maceda incorporouse a Baixada da Marela o Sábado de Entroido ao ir empardecendo. Unha iniciativa moi lograda que fixa xente na vila ese día e que amosa unha enerxía e unha creatividade abraiante, mesmo polas reminiscencias ancestrais e pola implicación global que reflicte e que cada ano vai a máis.

Agora ben, esa filosofía de programar o Entroido pra que teñamos a vila atestada de xente de fóra, pois vale, pero eu creo que deberiamos centralo en facer o Entroido prá nosa xente, mesmo prá que está fóra, léase no País Vasco, en Madrid, Barcelona ou alén do Estado español. Non imos poñer cancelas. Que veña quen queira. Pero o pracer de compartilo coa veciñanza que coñeces semella un plus. A min os entroidos estilo Brasil, con sambódromos incluídos, ou o de Canarias, non me estimulan nada e non debemos copialos. Os espectadores só miran. Sempre apostarei por un entroido participativo entre nós, por enriba dun entroido que pretenda meter xente a esgalla eiquí. Un modelo urbano con desfiles como de Ourense, Vigo ou Santiago non debe exportarse ás vilas. Eu non vexo ao Felo fóra de Maceda. Niso si que deberiamos procurar ser endogámicos e pecharnos a exemplos que non nos van aportar nada”.

Santiago Prol e Bieito Seara. Fonte: “Páxinas pasando dos tellados polos felos”. Emilio Araúxo, 2019 (páx. 30)
Os comentarios están pechados.