LEMBRANZA POLO FALECEMENTO DE CARBALLO
Xosé Manuel González Pérez, profesor de Lugo que a finais dos anos 70 do século pasado traballou no semanario ANT, fixo unha lembranza no Facebook, o 29 de novembro de 2014, xusto o día no que Francisco Carballo nos deixaba. Enviounos naquela altura o contido do texto o xornalista Xan Carballa, que recuperamos outra volta:
“Rexo sempre, sorriso e voz de labrego cando viña pola redacción compostelá d’A Nosa Terra, na rúa da República de El Salvador, mediando a costa. Francisco Carballo conduciu o mitin final na campaña do BN-PG no Pavillón das Travesas en Vigo, cando as Primeiras Eleccións Xerais (1977), e foi súa a expresión máis intensa. Pasaba, no nacionalismo, por ser probabelmente un dos homes máis formados; ora que tamén discreto. Case nunca máis o vin desde finais dos 70, pero velaí a lembranza aproximante a aquel final de conferencia, en Lugo, fronte a un auditorio mozo predicando a coherencia: Se non cristiáns, polo menos, ¡sede marxistas! ¡En paz estea!”.
Eis o documento gráfico referenciado, que xa forma parte da Nosa Historia e da biografía do presbítero ilustrado de Maceda [aínda que de calidade moi deficiente, paga a pena exhumalo]. De esquerda a dereita: Leopoldo (cura de Melide), Francisco Rodríguez, Ramón López Suevos, Elvira Souto, Lois Ríos Paredes, Ramón Valcárcel, Manuel María, Camilo Nogueira (de pé), Pedro Luaces, Bautista Álvarez e Francisco Carballo, no mitin central do BN-PG no Pavillón das Travesas (completamente abarrotado de público), en Vigo, nas Primeiras Eleccións Democráticas celebradas o 15 de xuño de 1977. Naquel mitin Francisco Carballo defendeu a unidade do nacionalismo de esquerdas nunha soa organización a prol da defensa da nosa identidade. Seguiría facéndoo ao longo da súa traxectoria vital e política.