RÚA JOÃO DA NOVA EN LISBOA

RÚA JOÃO DA NOVA EN LISBOA

Placa Rúa João da Nova en Lisboa. Foto: Santiago Prol, 2001

Cando nos mergullamos de vez na personalidade de João da Nova [5 longos anos e agora na bitácora], non só pescudamos documentalmente a súa traxectoria, senón que procuramos ir “in situ” [e cando non, “virtualmente”] aos lugares, espazos e vestixios que puidemos atopar arredor da súa figura. Ademais do volume “João da nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal” [Santiago Prol, 2002], que tivo a ben editar o Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Ourense, artellamos unha salientábel exposición que titulamos “João da Nova, o descubridor galego do século XVI”, que estivo pendurada nas paredes do Castelo de Maceda. Hogano atópase nos corredores da Casa do Concello de Maceda [un espazo manifestamente mellorábel para unha exposición dese nivel que fora concibida como permanente].

Plano da zona de Belén [Lisboa]. Arquivo do autor

Hoxe queremos deternos no panel núm. 19 que titulamos “O ronsel do nauta galego”. Tiramos do noso volume [páx. 306]: “En Lisboa puidemos atopar, non sen pouca dificultade [daquela non existía google maps], unha rúa denominada João da Nova na freguesía de Santa María de Belém. A maioría das daquela zona levan nome de navegadores e personalidades vencelladas cos descubrimentos. A Rúa João da Nova comeza na transversal á Rúa Gaspar Corte Real e remata na Rúa dos Soldados da India. Asentada en zona residencial, perto das embaixadas estranxeiras, dispón de 20 viviendas dun andar con zona axardinada. Dez de cada lado en parcelas regulares. Rúa agradábel, mais moi pequena a respecto da categoría de quen a nomea e dos servizos que, no seu intre, prestou a Portugal (…)”.

N.B.- Lembremos a nosa cronobiografía do navegante João da Nova [Prol, 2002]Beizón!

Os comentarios están pechados.