A PENTAFOTO DE MANUEL VIDAL

A PENTAFOTO DE MANUEL VIDAL

Fonte: Prol, 2017 [foto cedida pola familia Aldemira Requejo]

A comezos de 2018, cando estabamos promocionando o noso libro arredor de Manuel Vidal, levámoslle un exemplar ao editor Quique Albarellos, eiquí en Compostela. Mesmo unha copia da pentafoto que nos cedera a familia Aldemira Requejo; un singular e orixinalísimo retrato de Manuel Vidal. O editor compostelán vulgarizou a foto e unha ilustrativa columna no xornal La Voz de Galicia [domingo, 11 de febreiro de 2018]. Eis o texto na súa integridade:

“Hoxe imos falar dunha curiosidade fotográfica ben descoñecida. De todo un xénero, realmente: o das pentafotografías. En primeiro lugar, debo agradecer a cesión desta imaxe ao investigador e escritor Santiago Prol, que vén de publicar o libro “Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda” (Academia Postal, 2017), unha sólida e ben documentada biografía deste crego ourensán, escritor e galeguista, que desenvolveu en Compostela, como catedrático do Instituto, a parte fundamental da súa carreira.

No citado volume (que foi presentado o pasado luns en Ourense) recóllese esta imaxe que trouxemos á nosa Fotohistoria. O retratado é Manuel Vidal Rodríguez quen, hai un século, quixo fotografarse dun xeito moi especial, para compoñer logo unhas postais de agasallo para as súas amizades. Así que non dubidou facerse unha pentafoto en Madrid capital [onde vivía naquela altura].

No número 16 da rúa Preciados tiña as súa sede a autodenominada Casa de las Maravillas Fotográficas, o célebre estudio Photo Novelty. As pentafotos puxéronse de moda na Europa de finais do XIX e comezos do XX. Un preciso xogo de espellos posibilitaba posar unha vez e aparecer logo con cinco perspectivas ou perfís diferentes ollándose entre si. Era orixinal daquela e aínda afirmaríamos que o segue a ser un século despois.

Para quen queira ampliar datos, un berlinés chamado Heinz-Werner Lawo reúne na Rede, desde o seu blog en Berlín, estas curiosísimas imaxes, que en inglés reciben o nome de Fivefold, Five ways portraits ou Multiple photos, entre outros. O seu blog chámase Uneinsamkeiten-Unsolitudes (algo así como En compaña, ou Sen soidades). Entre os retratados por este sistema está tamén, por exemplo, o escritor Ramón Gómez de la Serna, sempre atento ao último…

Como tamén o estaba Manuel Vidal que chegaría a Compostela no curso 1914-15 como profesor de Literatura ao daquela chamado Instituto Xeral e Técnico de Santiago (hoxe, Xelmírez I). Entre os seus centos de alumnos atopábanse, por exemplo, Domingo García Sabell, Isaac Díaz Pardo, Lois Tobío, Luís Seoane ou Manuel Antonio. Nada menos. Vidal participou directamente na creación das Irmandades da Fala en Santiago en 1916, escribiu ben interesantes relatos sobre o tema Xacobeo e compostelán, tamén pezas teatrais (representadas logo con decorados de Camilo Díaz Baliño); Castelao ilustrou en 1920 a capa dos seus “Contos galegos d’antano e d’hogano”… En fin. Abraiante currículo. (Por certo, dous títulos seus –“Don Porrazo” e “Deixe que xa”- foron rescatados e publicados facsimilares en Alvarellos Editora en 1985). Manuel Vidal faleceu en Compostela un 3 de maio de 1941, no domicilio familiar da Carreira do Conde. Do esquecemento quixemos tamén sacalo nós, canda o seu biógrafo Santiago Prol, con esta ben orixinal pentafoto”.

N.B.- Ademais deste texto de Quique Albarellos, os mass media cubriron axeitadamente o evento. Eis a escolma dixital do dossier de prensa:

La Region

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

ABC

La Voz de Galicia, na súa edición en Santiago de Compostela, que xa avanzara unha ampla entrevista arredor desta achega nosa. Graciñas mil a tod@s!

Os comentarios están pechados.