O RUBIÑO E OS ÚLTIMOS MOHICANOS

O RUBIÑO E OS ÚLTIMOS MOHICANOS

Xornal “La Región”, martes, 24 de decembro de 1996

Ao abeiro dunha breve conversa coa filla do Juan Bouzas [amigo da nosa familia que sempre nos iluminou coa súa exemplaridade e pedagoxía, mesmo con bos consellos, naquela Maceda en branco e negro], recuperamos a carta que publicamos no xornal La Región, o 24 de decembro de 1996, ao día seguinte do pasamento dun dos seus, que sobrevivira “sinalado”, ao igual que o noso tío Valentín [O Canaso], o propio Juan Bouzas e un pequeno feixe de republicanos abeirados ao socialismo, nunha vila que entrara nunha arrepiante espiral de terra queimada. Outros republicanos na órbita do galeguismo e do marxismo desapareceran porque foran últimados, represaliados, fuxidos, exiliados… Eis o breve texto imprentado naquela altura:

“Onte o Rubiño fíxose lembranza na súa vila natal. Era o penúltimo mohicano daquela xeración de macedáns que nacera co século e que vira cernada a súa existencia pola irracionalidade da [mal chamada] Guerra Civil. Fora un de tantos perdedores daquel oprobio que, ademais, acompasou o resto da súa “segunda vida” cunha integridade exemplar, dentro da marxinación que tivo que sufrir. Alguén negárase a que caese naquel tráxico intre. Se o nirvana existe, seguro que haberá un oco para el, ao igual que o houbo, hai agora sesenta anos, para outros moitos. A miña máis sinceira e profunda conmiseración para os seus e para o ronsel de todos os que o precederon e que agora permanecen imperecedoiros na outra banda do esquezo”.   

Os comentarios están pechados.