A CASA MATRICIAL DE GARCÍA MOSQUERA EN CASTRO DE ESCUADRO

A CASA MATRICIAL DE GARCÍA MOSQUERA EN CASTRO DE ESCUADRO

Detalle da casa matricial de don Xosé García Mosquera en Castro de Escuadro. Foto: Santiago Prol

Comezamos esta incursión sobre o poeta trilingüe orixinario de Castro de Escuadro, cando Bieito Seara [BNG] acadou a alcaldía de Maceda en 1995. Para trocar o rueiro con reminiscencias franquistas na nosa vila, propúxonos [o rexedor nacionalista] facer un informe sobre posíbeis fillos egrexios que fosen merecentes dunha rúa ou praza. Un deles foi don Xosé García Mosquera. Nós xa tiñamos referencias sobre este catedrático políglota que coñecía 13 linguas [latín, grego, hebreo, árabe, sanscrito, francés, inglés, alemán, castelán, portugués, euskera, catalán e, por suposto, galego, que era a súa fala materna]. Destas linguas dominaba con solvencia media ducia delas.

Interior da capela da casa grande do poeta trilingüe Xosé García Mosquera en Castro de Escuadro. Foto: Santiago Prol

Unha das primeiras aproximacións a este fillo ilustre de Maceda atopámola no volume dedicado a Ourense da “Geografía del Reino de Galicia”. Ese enorme tomo dedicado á nosa provincia fora redactado en boa parte por don Benito Fernández Alonso. Logo do seu falecemento en 1922, a editora catalá [Casa Editorial Alberto Martín de Barcelona] propuxéralle a don Vicente Risco que rematase aquel inmenso traballo [885 páxinas]. No apartado dedicado a Maceda aparece don Xosé García Mosquera na sección dos FILLOS ILUSTRES.

Casa de Xosé García Mosquera na entrada de Castro de Escuadro. Foto: Santiago Prol

Vertemos o imprentado: “Insigne humanista, naceu en Castro de Escuadro o 17 de marzo de 1817. Estudou en Santiago e Salamanca. Explicou Latín e Humanidades en Cuenca. Outrosí Latín, Castelán, Retórica e Poética en Ourense. Foi profesor de Juan Sineiro, Juan Manuel Paz Nóvoa e outros ilustres ourensáns como Valentín Lamas Carvajal. Publicou numerosas poesías en latín, galego e castelán. A súa tradución en versos galegos do Beatus Ille de Horacio, pasa por ser unha obra mestra de fidelidade á linguaxe e ao sentimento do orixinal e unha das máis belas poesías da lingua galega. Morreu en Ourense o 19 de novembro de 1868”.

Detalle da capela da casa matricial de Xosé García Mosquera en Castro de Escuadro. Foto: Santiago Prol

Dende aquela fomos mergullándonos na súa vida e obra literaria e nesas seguimos… A súa canónica composición “A vida do campo” fora reproducida en “Gramática Gallega” de Saco y Arce en 1868, xusto o ano do seu pasamento. O propio autor, xa moi enfermo, pasáralle o orixinal ao esgrevio lingüista ourensán. Fora escrito no seu refuxio matricial. Léase Castro de Escuadro como fonte de inspiración literaria, de acougo e de lecer.

Misal Romano de 1768, da capela da casa matricial de Xosé García Mosquera en Castro de Escuadro. Foto: Santiago Prol

Tivemos a fortuna de visitar a súa casa matricial en Castro de Escuadro hai agora case tres décadas. Mesmo ollar o que quedaba da súa biblioteca particular á que lle dedicaremos outra achega. O que máis nos chamou a atención foi que aquela casa grande de Castro de Escuadro, situada á man dereita, xusto ao entrar no lugar, tiña unha singular capela bastante ben conservada. Tamén un “Misal Romano” en latín do ano 1768.

Vista xeral da parte baixa de Castro de Escuadro. Foto: Santiago Prol

Na xeira de García Mosquera, Castro de Escuadro sobordaba os cincocentos habitantes [hoxe baixa dos cincuenta]. Naquela altura do século XIX era coñecida como “a vila da serra” pola súa poboación e pola súa vizosa actividade agrícola e gandeira. Cun trazado lineal de case un quilómetro, sempre costa arriba, é un lugar abondo interesante, malia o seu devalo demográfico. As vistas de todo o Val do Medo atopan un marco incomparábel eiquí, como ben sabe o noso amigo, o doutor Celso Sánchez, orixinario deste lugar.

Detalle do retrato do poeta Xosé García Mosquera. Foto: Santiago Prol

Para un plausíbel roteiro arredor do Noso poeta trilingüe, Castro de Escuadro ben podería ser o lugar do comezo ou do remate do mesmo. Logo estaría o cemiterio de Santa Baia de Escuadro [ao seu carón], a vila de Maceda [ao abeiro da rúa que leva o seu nome] e Ourense capital [rúa Hernán Cortés, Praza de San Marcial e a rúa dedicada á súa memoria abeirada ao Instituto do Posío]. As tres pezas literarias que escribiu en galego [“Recordos de Azara” (1851), “Á Real Familia en Santiago. Cantinela Gallega” (1858) e “A vida do campo” (1868), ben poderían ser recitadas ao longo deste roteiro, que pode tomar asento máis cedo que tarde. Darémoslle unha volta…

A Serra de San Mamede na invernía con Castro de Escuadro ao lonxe. Foto: Santiago Prol

Rematamos esta achega rememorando a oitava estrofa [ ten 22] de “A vida do campo”, versión galega da oda de Horacio Beatus Ille qui procul negotiis…, que mesmo está inspirada arredor dos lugares, sensibilidades e atmosferas abeiradas a Castro de Escuado: “E dorme ó son do río, ó son das aves / que cantan na espesura, / ou dorme ó son da musical fontela / que por entre o coial salta e murmulla”.

Os comentarios están pechados.