O DESCANSO DERRADEIRO DE GARCÍA MOSQUERA
Xa dixemos que o poeta trilingüe don Xosé García Mosquera falecera en Ourense capital o 19 de novembro de 1868, aos 51 anos de idade. Inicialmente fora soterrado no cemiterio de San Francisco. García Mosquera tivera a ben desposarse con Ignacia Fornos López o 31 de decembro de 1857. Do seu matrimonio naceran catro fillos: Carmen, Amiano, José María e María de la Concepción Antonia. A súa muller morrería vinte e nove anos despois do pasamento do poeta oficial da cidade de Ourense, o 5 de xuño de 1897. Os fillos decidiran soterrar á súa nai no privilexiado camposanto de Santa Baia de Escuadro [Maceda]. Seis anos despois, o 10 de outubro de 1903, trasladaron os restos mortais do egrexio poeta, dende o cemiterio de San Francisco até a campa de Escuadro, para o seu descanso derradeiro a carón da súa dona, moi perto do lugar no que nacera e que tanto o alentaba. Castro de Escuadro, abeirado ao mítico Medrollo, servíalle ao poeta como lugar de lecer e acougo. Mesmo como espazo de refuxio e de inspiración poética. Sempre que os seus compromisos llo permitían, desprazábase até a súa casa matricial xunto coa súa familia.
Unha obrigada visita ao cemiterio de Santa Baia de Escuadro mergúllanos nas lápidas da estirpe do poeta. No epígrafe da sepultura central da familia García Mosquera podemos ler: “Descanse en paz la señora Ignacia Fornos y López, viuda de don José García Mosquera. Falleció en 5 de junio de 1897. Semperque plorabitur ea orbo filio suo”. Nese mesmo sartego inhumaron os restos mortais do poeta trinta e cinco anos despois do seu primeiro soterramento en Ourense cidade.
A carón da lousa primordial podemos contemplar outra lápida á memoria dun dos seus fillos. Nela reza: “D. E. P. Don Amiano García Fornos. Falleció el 2 de octubre de 1920”. Ademais das lápidas da familia de don Xosé García Mosquera, no cemiterio de Escuadro temos unha alfaia vencellada coa Vía Nova, a Rota Romana de Braga até Astorga, que pasaba polas terras de Maceda. Estamos a falar da singular ara romana, á que lle dedicaremos outra achega, xunto co retablo barroco do escultor ourensán Francisco Moure [datado en 1601], que podemos ollar dentro da igrexa. Rematamos evocando a fermosa paisaxe do Val do Medo, que se pode contemplar dende o cemiterio no que atopou descanso derradeiro don Xosé García Mosquera, o Noso precursor egrexio. ¡Beizón!