O LUGAR (MATRICIAL) DE FRANCISCO CARBALLO

O LUGAR (MATRICIAL) DE FRANCISCO CARBALLO

Casa matricial en Celeirón. F. Carballo co alcalde Manuel Rodríguez Carballo e o ex alcalde Bieito Seara, na descuberta da placa que o nomea Fillo sobranceiro de Maceda. 4/VIII/2000. Arquivo do autor.

O 30 de novembro de 2000, F. Carballo imprentou unha singular columna na contraportada do semanario ANT que titulou “O meu lugar”. Logo, no libro das “Conversas” [Prol / Carballa, ANT, 2002], volvería incidir nas súas orixes, facendo unha salientábel radiografía persoal chea de sensibilidade, vindicación e sabedoría:

“O poder mediático está a impoñer como denominación de todo núcleo poboacional menor o de “aldea”. Quedan relegados os lugares, casais, vilares… como inexistentes. Pois non. Eu son dun “lugar” da parroquia de Asadur, nas terras de Maceda. Un lugar que resiste, que ten aínda máis fogares que no 36, pero un terzo de habitantes. Ao meu lugar dicíamoslle “niño de reiseñores”. Tiña forno común, peto de ánimas, un regueiro con xuncos e paxaros, escola, veiga e bebedoiros pra o gando.

O doutor Celso Sánchez (actual tenente alcalde de Maceda) nas escaleiras da casa de F. Carballo en Celeirón, no 1º Roteiro (2015). Arquivo do autor.

Todos os camiños de Celeirón ían cara a igrexa parroquial de Asadur, menos o da feira de Maceda, que atravesaba a parroquia dende a serra até o río Cobelo. Veu o falanxismo nos anos 40, colocou no medio do lugar unha fonte e pía, empeñouse en que os camiños se dirixisen ao centro do Concello. Así foi en todas as parroquias de Maceda. ¿E que? Viñeron os anos 60, proxectos de ordenación rural, concentracións parcelarias, emigración a Europa e ás cidades industriais da Península, abandono das leiras e cortiñas.

Celeirón no Domingo de Entroido dende a casa de F. Carballo. Foto: Santiago Prol (2016)

Seguimos co tardofranquismo. As concentracións eternízanse, os proxectos dunha Maceda cabeceira de comarca esmorecen. As granxas de Uteco multiplícanse. Leiras e máis leiras á poula. Crise nas explotacións de Uteco. Naufraga a iluminación dun fato de PP Paúis no Colexio dos Milagres (Monte Medo)… O tardofranquismo e o fraguismo dinamitan o mundo rural milenario de Galiza. Maceda como cabeceira comarcal para a agro-industria, nada; de concentración para todos, nada; de alternativas aos lugares illados a prol dun centro dinamizador e transformador, nada. Como en todo Galiza, a “aldea” romano-medieval e moderna, morre sen alternativas fronte ao esmagador capitalismo salvaxe.

Fonte de Celeirón con simboloxía falanxista (asentada nos anos 40). Foto: Santiago Prol (Entroido, 2016).

Alí, ao pé do peto das ánimas, nas pías do gando, na carreira húmida, penso no que podería ser a cultura agraria galega tecnoloxicamente remodelada. E vexo o que é: exterminio do Noso País a prol dunha globalización selectiva por obra e graza do franquismo e do fraguismo, verdadeiros inimigos do noso pobo”.      

Os comentarios están pechados.