PALESTINA
Cando xa tiñamos o libro das “Conversas” [Prol / Carballa, ANT. 2002] na rúa, quedamos con Francisco Carballo -un día de primavera- en Marín cos amigos Bieito Seara e Celso Sánchez. Comentámoslle que o noso fillo [naquela altura estudante de 2º da ESO] estaba a facer un traballo sobre Palestina; un delicado tema histórico en conflito espiraliforme dende hai máis de dous mil anos. Sorprendeulle que un rapaz de 13 anos encarase un asunto tan revirado. Suxerímoslle unha columna no semanario ANT que afrontou axiña [núm. 1.037, 6/06/2002]. Eis o lúcido resultado da columna de Francisco Carballo, que resiste o paso do tempo e que volve á primeira liña polo desatino de hogano:
“Palestina é un anaco de historia que sintetiza a da humanidade. Unha terra de paso ollada como “mel e leite”, máis de seu espida e infértil. Posta a xardín por cultivadores aguerridos, co sacho e a espada na man. Hoxe até o cumio da ferocidade. Palestinos foron os cananeos, os filisteos, os hebreos e tantos máis: os sectores dominantes destes colectivos marcharon, voltaron… Dende finais do Imperio Bizantino residen na Palestina populacións pacíficas, pacientes ante sucesivas dominacións, sempre sufridores. Son musulmáns, cristiáns, xudeus. Convivir é unha necesidade, unha riqueza.
¿Que fado sinistro está a converter en inferno un país de cruce de culturas, de pacientes campesiños? A luz, un duplo “fundamentalismo”; detrás, o Imperio. Os “sionistas” exacerbados e os infiltrados “wahabistas” islámicos. Sharón e o Likud desvarían; a intifada degradouse en “kamikacismo”, un martirialismo paranoico. A política de USA sérvese deste antagonismo para dominar o espazo xeopolítico. Os colectivos israelitas-palestinos pola paz, os xudeocristiáns e os palestinocristiáns, milleiros de xudeus e de palestinos demostran que son humanos e poden saír do “inferno” dos erros de Arafat, dos “falcóns” israelitas e rirse do Imperio”.
N. B.- Sharón (1928-2014) foi un destacado militar e político israelí de liña extremadamente dura. Arafat (1929-2004) foi o 1º presidente da Organización para a Liberación de Palestina. O Estado de Israel “inventouse” co amparo dun sector da ONU en 1948 (14 de maio), transformando Palestina nun Estado de “inexistencia formal”. Eis a cerna dun conflito de hogano (e de antano) que non acouga e que neste intre amosa unha das páxinas máis desacougantes e irracionais do noso tempo.