CELEIRÓN, “O MEU LUGAR”


O 30 de novembro de 2000, Francisco Carballo imprentou unha columna no semanario A Nosa Terra que titulou “O meu lugar”. Eis o máis salientábel:
“O poder mediático está a impoñer como denominación de todo núcleo de poboación menor o de “aldea”. Quedan relegados os lugares, casais, vilares, etc… como inexistentes. Pois non, eu son dun “lugar” en Asadur, nas terras de Maceda. Un lugar que resiste, que ten inda máis fogares que no 36, pero un terzo de habitantes. Ao meu lugar dicíamoslle “niño de reiseñores”: tiña forno común, peto de ánimas, un regueiro con xuncos e paxaros, escola, veiga e bebedoiros pra o gando.

Todos os camiños de Celeirón ían cara a igrexa parroquial de Asadur, menos o da feira de Maceda que atravesaba a parroquia desde a serra até o río Covelo. Veu o falanxismo nos anos 40, colocou no medio do meu lugar unha fonte e pía, empeñouse en que os camiños se dirixisen ao centro do concello. Así foi en todas as parroquias de Maceda. E que? Viñeron os anos 60, proxectos de ordenación do rural, concentracións parcelarias, emigración a Europa e ás cidades industriais da Península, abandono de leiras e cortiñas.

Seguimos co tardofranquismo: as concentracións eternízanse, os proxectos dunha Maceda cabeceira de comarca esmorecen, as granxas de UTECO multiplícanse. Leiras e máis leiras á poula. Veu a Autonomía, crise nas explotacións de UTECO, naufraga a iluminación dun fato de paúis no Colexio dos Milagres (Monte Medo)… O tardofranquismo e o fraguismo dinamitaron o mundo rural milenario de Galiza. De cabeceira comarcal para a agroindustria, nada; de concentración pra todos, nada; de alternativas aos lugares illados a prol dun centro dinamizador, nada. Como en toda Galiza, a “aldea” romano-medieval e moderna, morre sen alternativas fronte ao esmagador capitalismo salvaxe.

Alí, ao pé do peto de ánimas, nas pías do gando, na carreira húmida, penso no que podería ser a cultura agraria galega tecnoloxicamente remodelada. E vexo o que é: exterminio dun País a prol dunha globalización selectiva por obra e graza do tardofranquismo e do fraguismo, verdadeiros inimigos do noso pobo”.

N-B.- A casa matricial de Francisco Carballo funcionara como taberna (no primeiro andar), denantes de que el nacera en 1925. Hogano ten case século e medio. Nela nacerían varias xeracións. Como ben dicía el, cando lle fixemos a homenaxe en 2000 (4 de agosto), “era unha casa venerábel, tocada polo tempo. A casa do avó materno que se fora ampliando. Nela pasei a infancia. Infancia onde todo era necesario. Nada sobraba e nada faltaba”.
No libro das Conversas (Prol / Carballa, 2002) contábanos que a familia Carballo se asentara alí no século XIX. Logo engadía: “Nós nacemos nos cabalos e nas mulas. Era algo consubstancial ao noso tempo. Tiñamos cabalo na casa. Eramos bos xinetes. A miña ilusión sería ter un cabalo. Eu sabía montar dende os tres anos de idade”.