BENIGNO ÁLVAREZ, UN COMUNISTA NA GALIZA DOS ANOS 30
Repararemos polo miúdo nesta bitácora sobre a figura de Benigno Álvarez e, por extensión, nos caídos e represaliados da contorna de Maceda logo do golpe militar de xullo de 1936. Mesmo contaremos como logramos localizar á súa filla, que semellaba finada nas publicacións imprentadas naquela altura, como nos achegamos [co malogrado amigo Antón Gómez e a súa compañeira Avelina Losada], até Aroles (Vega, Xixón) ao seu domicilio particular, como logramos facer a entrevista que logo apareceu no libro [Prol, 2008], mesmo a recensión de críticas positivas por aquela descuberta… Outrosí as iniciativas que dende Maceda fixemos coa axuda do doutor Celso Sánchez e de Bieito Seara, que sempre estiveron en primeira liña na dignificación do veterinario, que soñaba cun mundo mellor e cunha Galiza en clave nosa dende o marxismo.
Hoxe penduramos portada e contracapa do editor d´ANT: “Benigno Álvarez foi unha figura central e relevante do movemento comunista en Galiza. Un líder sólido para un partido con plena emerxencia obreira e sindical nos anos da II República e cunha traxectoria de implantación que sería seiturada deliberadamente polo alzamento militar do 36. En días de tal barbarie represiva, Benigno Álvarez converteuse para os alzados en armas e os seus aliados civís, nun veleno que había que extirpar. Tratábase de que non quedase vestixio ningún da súa xeira de combate e do seu compromiso pola liberdade. Mesmo as persoas máis achegadas a este veterinario comunista de Maceda, pagaron un prezo altísimo. Igual que a súa familia”.