DOUS EGREXIOS DE MACEDA NO PAZO DE MEIRÁS

O 17 de agosto deste 2025 logramos visitar Meirás. Mellor dito, puidemos ollar os exteriores da Granxa de Meirás (tal e como a definía a súa propietaria primixenia dona Emilia Pardo Bazán). Do interior só puidemos ter acceso á entrada principal coas singulares escaleiras e coas paredes cheas de vestixios de caza pendurados… Outrosí puidemos acceder á capela onde se atopan as famosas estatuas do Mestre Mateo. O resto do interior do Pazo de Meirás non logramos ollalo desta volta. Díxonos a guía que nos acompañou, que ao estar xudicializado, non se podía visitar polo de agora…

O presbítero ilustrado de Maceda, don Manuel Vidal Rodríguez iniciou amizade coa Pardo Bazán en Madrid a comezos dos século XX. Logo, foi invitado a pasar varios veráns na Granxa de Meirás onde compartía tertulias coa escritora. Lembremos que el era un prestixioso catedrático de Literatura en Santiago de Compostela. A estadía de Vidal nas Torres de Meirás foi adiante ao longo de cinco veráns seguidos (dende o de 1914 até o de 1918) en plena Primeira Guerra Mundial. O microcosmos sobre o gran nivel de vida alí, na residencia estival da escritora, describiuno polo miúdo Manuel Vidal no seu volume Torres de Meirás. Vida de trabajo de la Condesa de Pardo Bazán y el Caudillo (1939). Dese libro, nomeadamente da primeira parte, damos cumprida conta na nosa monografía sobre este macedán sobranceiro (Prol: 2017). [pinchar eiquí].

O outro egrexio macedán que frecuentou Meirás foi o Cardeal Quiroga Palacios [pinchar eiquí] na xeira de Franco como xefe do Estado. Dende 1953 até 1971 o Noso Cardeal asistía con certa regularidade nos veráns ao que Francisco Franco denominou Pazo de Meirás, a súa residencia oficial de verán. Fernando Quiroga Palacios ía na súa condición como líder máximo da Igrexa en Galicia naquela altura [e dende mediados dos 60 da española].
Hogano o Pazo de Meirás (Sada) está pendente da sentenza definitiva sobre a súa propiedade…