ROTEIRO POR BARAKALDO (5)
Co pretexto do Roteiro por Barakaldo, imos complementar as estadías de Francisco Carballo no País Vasco ao longo da súa vida. Ademais das Lembranzas e as Memorias, tiramos do que engadiu nas Conversas (Prol / Carballa, ANT, 2002):
“Ofrecinme para ir ás misións da India. Mesmo me inscribiron para ir estudar a Roma (…). Quedei en Madrid. No ano 1954 acabei a carreira coa tesina en Historia (sobresaínte). Daba clases de matemáticas aos “filosofillos” e as materias que me botaban enriba a chou. Foron anos felices, de forza xuvenil. En 1953 mesmo saíra ás xornadas de misión a Algemesí (Valencia) e tamén á Ría de Bilbao. Esta foi célebre. Dirixín o sector de Santurtzi. Tivemos un final multitudinario na Gran Vía de Bilbao. Seguiron uns días dedicados aos problemas sociais dos que falou a prensa e houbo duras críticas. As misións duraban uns quince días.
Eu era un estudante naquela altura (1953) e o éxito da misión anterior en Algemesí, fixo que pensasen en min para dirixir esta de Bilbao. Púxenme como un pingo. Non levaba roupa apropiada, chovía a esgalla e paseinas canutas. Saíu moi ben pero había cousas que contradicían o máis elemental. Puñan para o rosario da aurora altofalantes nas xanelas. Viña xente botando chispas porque non podían durmir. Suprimín os altavoces. Eramos tres no meu centro: un cóengo bilbaíno que predicaba á antiga usanza, un estremeño máis eu. Nós predicabamos máis moderno. Non largabamos bravatas. Explicabamos os sacramentos, os mandamentos, como se désemos unha clase. Contrastábase unha predicación tremebunda cun ensino catequético. O predicador apocalíptico dicíanos que eramos uns “chicuelos” que non tiñamos idea do que era a Historia Sagrada (…). Foi célebre aquela misión”.
N.B.- Na primeira foto que tiramos aparece o histórico Café Iruña, fundado en 1903, lugar de encontro gastronómico e cultural, mesmo premiado como o mellor café de España. Na segunda foto aparece o iconográfico edificio do BBVA en Bilbao. Na terceira ollamos o edificio de Iberdrola que amosa, co anterior, o Guggenheim Bilbao e o novo estadio do Athletic, o enorme pulo económico desta cidade. A distancia entre Barakaldo e Bilbao -andando- é duns 7 quilómetros e por estrada case chega aos 12. Hogano comunícanse cunha modernísima rede de ferrocarril suburbano -Metro Bilbao)- en poucos minutos).
Eis un interesante vídeo de Bilbao (Fonte: TurismoVasco.com):