JOÃO DA NOVA E A PRIMEIRA BATALLA DE CANANOR
Atopamos en “youtube” un interesante vídeo sobre o nauta vencellado con Maceda e a 1ª Batalla de Cananor, desenvolta na costa do Malabar indio [actual estado de Kerala]. Naquel estratéxico lugar asentaría o descubridor galego a primeira feitoría [lugar para o comercio internacional] de Portugal en Oriente. Porén, denantes tivera problemas co samorim [señor do mar] de Calecute [hogano Kozhikode]. Os islámicos establecéranse no Malabar indio había tempo. Facían de intermediarios entre o samorim, os venecianos e os xenoveses. Os árabes rexeitaran aos intrusos barbados procedentes de Portugal, pois perigaba o monopolio do comercio con Europa pola rota tradicional. Nese contexto desenvolvérase a Batalla de Cananor entre os portugueses ao mando de João da Nova [só levaba 4 navíos e uns 350 homes] e a coalición alí asentada [cuns 7.000 homes e moreas de navíos pequenos]. Acontecera entre o 31 de decembro de 1501 e o 2 de xaneiro de 1502. A vitoria lusa, abandeirada por João da Nova, fora contundente, marcando o norte na nova estratexia naval-militar e despexando o camiño para as relacións diplomáticas, políticas, militares e comerciais dos portugueses na India a comezos do século XVI. Fonte: “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal”. Santiago Prol. Deputación de Ourense, 2002.