ABRIL EN MANAGUA, 40 ANOS DESPOIS
Mergullámonos de vez na Revolución Sandinista de Nicaragua da man do doutor Celso Sánchez. Naquela altura de 1979 deixáranos unha casete do álbum musical “Guitarra Armada” [pinchar eiquí] de Carlos e Luís Mejía Godoy & Los de Palacagüina no que, dun xeito didáctico, formulaban instrucións sobre o emprego das armas curtas e dos explosivos. Podiase escoitar polas emisoras radiofónicas que estaban a prol da revolución. A copia que fixeramos daquela casete [que aínda conservamos] escoitámola no dyane-6 a tempo case completo daquela [“Que es el FAL” / “Los explosivos” / “Memorandum militar 1-79” / “Un tiro 22” / “Las municiones” / “Carabina M-1” / “A Gaspar García Laviana” / “Comandante Carlos Fonseca” / “Himno de la Unidad Sandinista”…]. Seguimos con paixón polos mass media, libros, discos, documentais, obras de teatro e películas a evolución daquela revolución “tan violentamente dulce”, como ben titularía Julio Cortazar a súa monografía sobre a mesma [pinchar eiquí]. En xullo de 1979 tomou asento a vitoria sandinista. Os logros iniciais en educación, cultura, sanidade e agricultura activaron todas as alarmas nos servizos de espionaxe do gran veciño do Norte. Axiña comezaría a contrarrevolución somocista. Pola fronteira con Honduras a “Contra” empezara facendo moito dano con moreas de actos terroristas, nunha longuísima guerra [financiada polos americanos cun Reagan moi belixerante na presidencia]. Pola fronteira sur -a de Costa Rica- un ex sandinista tamén procurou manter aquela guerra teledirixida… Rematou aquela revolución coas Eleccións de febreiro de 1990, onde o Frente Sandinista de Liberación Nacional [FSLN] perdeu uns comicios que nunca debeu convocar cos parámetros que lle marcaban os que pretendían tumbalos, nun contexto de guerra terríbel, fornecida constantemente dende fóra con tecnoloxía e aparellos militares moi avanzados [mesmo co contrapunto do reclutamento de soldados de 16 anos no exército regular sandinista, que ían a unha morte case segura na maioría dos casos]. Esa etapa histórica merece outras achegas, mesmo poñendo o foco na xente da Teoloxía da Liberación que tivo en Nicaragua unha das súas mellores versións con Ernesto Cardenal á cabeza…
Vindicamos hoxe un disco dobre que se editara en 1984, aínda que fora gravado en directo na Praza da Revolución o 23 de abril de 1983 [do que agora se cumpren 40 anos]. Xa coa “Contra” castigando duramente pola fronteira norte de Nicaragua, artellárase o memorábel “Concierto de la Paz en Centroamérica” co auspicio da UNESCO e o apoio dunha ampla nómina de entidades e de personalidades solidarias a nivel internacional. Naquel festival participaran sobranceiros cantautores de México [Gabino Palomanes & Amparo Ochoa], Venezuela [Alí Primera], Brasil [Chico Buarque & Raimundo Fagner], Puerto Rico [Silverio Pérez & Quinteto Puertorriqueño], Uruguay [Daniel Viglietti], Costa Rica [Adrián Goizueta & Grupo Experimental], Cuba [Silvio Rodríguez], Arxentina [Mercedes Sosa] e, como non, Nicaragua [Luís Enrique e Carlos Mejía Godoy & Los de Palacagüina].
O disco fora financiado maiormente polos ministerios de Cultura de Holanda e de Grecia. Gravárase en directo e fora producido posteriormente en Holanda. Viña acompañado dunha escolma fotográfica, ademais dos dous vinilos [con 10 temas cada un que conformaban 1 hora e 23 minutos en total]. Corenta anos despois aínda emociona escoitalo. Conservamos na nosa colección de vinilos este dobre LP con moito agarimo. Todos os temas amosan un nivelazo. Daniel Viglietti está sublime coa súa “Declaración de amor a Nicaragua”. Gabino Palomares & Amparo Ochoa marcan a liña -xa case ao comezo- cunha cantiga de impacto: “La maldición de Malinche”. Os irmáns Mejia Godoy, como anfitrións, emocionaron con “Yo soy de un pueblo sencillo” [na versión de Luís Enrique], “Nicaragua Nicaragüita” e o contundente “No pasarán” entre outras. Os demais participantes, como ben se pode comprobar nesta achega, igual.
Na documentación fotográfica do concerto podemos ollar a Daniel Viglietti, Chico Buarque, Mercedes Sosa, Carlos Mejía Godoy & Los de Palacagüina e Alí Primera. Na catedral vella de Managua, ademais dun inmenso póster de Augusto Cesar Sandino que cubría a entrada, penduraran varias pacartas: “La lucha es el más alto de dos cantos” / “Con alegría y decisión, defenderemos la revolución”. No centro do escenario había unha pintura moi picassiana con pombas brancas. No alto do Palacio Nacional de Nicaragua penduraran outra gran pancarta na que rezaba: “Nuestra causa triunfará porque es la causa de la justicia y del amor”. Gocemos xa que logo con este entrañábel disco dobre, catro décadas despois dunha revolución que “abortaron” dende fóra os que coidaban era o “patio de atrás” dos seus dominios. ¡Beizón!:
N.B.- O concerto tamén fora filmado. Hogano podemos atopalo en youtube en varias webs. Outrosí fora editado en Holanda naquela altura. A dirección musical correra a cargo dos irmáns Luís & Carlos Mejía Godoy. Aínda que non amosa o evento na súa integridade [o dobre LP tampouco], editaron case 50 minutos dende outra ollada abondo interesante, mesmo con entrevistas á xente que estaba alí escoitando a trovadores egrexios de América Latina comprometidos coa paz e coa liberdade. Pra un potencial público que non entenda o idioma orixinal, vai subtitulado en inglés, pois a corrente de solidaridariedade co pobo nicaragüense, naqueles comezos dos anos 80 do século pasado, era inmensa en boa parte do mundo. Despois de escoitar o álbum completo, podemos ollar este documento audiovisual que xa forma parte da historia máis recente desa Nicaragua que levantara tantas paixóns naquela altura ¡Graciñas mil!: