YUSTE, O ASENTO DERRADEIRO DO EMPERADOR TEUTÓN

YUSTE, O ASENTO DERRADEIRO DO EMPERADOR TEUTÓN

Entrada ao Mosteiro de Yuste (Cuacos de Yuste, Cáceres). Foto: Santiago Prol

Fixemos recentemente unha interesante inmersión global polas terras de Extremadura. Dos tópicos xa visitados anteriormente [Mérida, Lago Proserpina, Cáceres, Trujillo, Guadalupe, Plasencia, Monfragüe, Serra de Gata, comarca das Hurdes…], aproveitamos pra achegarnos outra vez a varios deles. Tamén fomos até Badajoz capital, Ponte Romana de Alcántara, vila de Alcántara e Fundación Iberdrola, Malpartida de Cáceres e o Museo Vostell, a cidade episcopal de Coria, Montánchez e o seu singular cemiterio, Cordobilla de Lácara e os seus embalses, Jaraíz de la Vera e o Museo do Pimentón, Valdesalor como exemplo de municipio da colonización ao abeiro do Plan Badajoz. Outrosí o Balneario del Trampal, Alcuéscar, Brozas, Carmonita, Don Benito, Villanueva de la Serena… Case todos eles conservan castelos, igrexas salientábeis, prazas porticadas, casas nobiliarias, pazos, pontes milenarias… En Medellín [berce de Henán Cortés] gorentounos a recuperación do seu Teatro Romano, debaixo do enorme castelo. Nel fan representacións de teatro clásico que o ano anterior estrean en Mérida. Porén, hoxe queremos reparar nun lugar singular que sempre nos chamou a atención.

Patio interior do palacete de Yuste. Foto: Santiago Prol

A primeira vez que soubemos do Mosteiro de Yuste foi na escola franquista de finais dos anos 60. Na famosa Enciclopedia Álvarez, dentro do bloque Historia de España, a lección 21 centrábase no que denominaban Carlos I de España e V de Alemaña. Ademais de salientar, sen cortarse ren, que “sempre puxera a espada ao servizo da Cruz”, este neto dos Reis Católicos e do emperador alemán Maximiliano, enfrontouse cos comuneiros casteláns ao colocar unha maioría de altos cargos extranxeiros no organigrama do poder político, económico e militar. Vertemos textualmente: “Os comuneiros foron vencidos en Villalar de los Comuneros [Valladolid] e os seus xefes, Padilla, Bravo e Maldonado, morreron decapitados [23/IV/1521]”. Acompañaba o texto unha ilustración demoledora pra un discente de menos de dez anos, que enmarca moi ben de que ía o nacionalcatolicismo imperante da nosa infancia…

Nunha das guías que sempre levamos nas viaxes podemos ler: “O emperador Carlos V, aconsellado e logo seducido pola tranquilidade deste recuncho extremeño, decidiu pasar os seus últimos anos de vida en Yuste, dende a abdicación [1556] até a súa morte [21/IX/1958], elixindo pra residencia este sinxelo cenobio xerónimo. O mosteiro foi restaurado logo dos desastres da Guerra da Independencia. Pode visitarse o pequeno palacio de Carlos V, que consta de dormitorio, contiguo á igrexa pra que o emperador puidese ollar os oficios relixiosos dende a súa cama, a igrexa gótica de magnífica sillería e dous claustros, un gótico e o outro plateresco” [Guía Turística Michelín, 1987]. Hogano pertence a Patrimonio Nacional [dende 2004]. O complexo tamén asenta a Fundación Academia Europea de Yuste.

Silla adaptada de Carlos V nas dependencias de Yuste pra atenuar os seus problemas de gota. Arquivo do autor.

Pra unha contextualización axeitada tiramos de Historia de España contada para escépticos do heterodoxo historiador Juan Eslava Galán [2017]. Imos escolmar algunhas das pasaxes máis clarificadoras: “O traspaso da cousa española á casa de Austria foi unha calamidade nacional, que acarreou máis dano que ganancia (…). Caeu en mans dunha familia extranxeira, reis louros que ignoraban os idiomas do noso país, que bebían cervexa en lugar do viño, que descoñecían os costumes de eiquí e que antepuxeron os seus intereses europeos aos de España con guerras absurdas (…). Casándose e herdando, fixeron a súa fortuna. Estendéronse pola faz da Terra como unha hedra ben estercada (…). Maximiliano, o avó de Carlos V, tiña no seu dormitorio un ataúde que levaba con el cando viaxaba e co que sostiña longas conversas (…). Carlos V, o fillo de Juana “la Loca”, parecíase máis ao pai Felipe “el Hermoso”. A súa queixada inferior era de tal calibre que non podía encaixala ao masticar, nin pechar a boca en repouso. Deixou barba pra disimular o defecto. Os retratistas de cámara esforzáronse en mitigalo. A fala do emperador [alemán e flamenco] era ceceante e casi inintelixíbel. Carlos foi un gran larpeiro, gran bebedor e afeccionado ás mulleres. Mesmo preñou á viúva do seu avó Fernando o Católico (…). Carlos educouse nos Países Baixos. Xa cumprira 17 anos cando pisou por primeira vez terra española. O numeroso séquito de rubios borgoñóns que o acompañaban, viña disposto pra “facer caixa” eiquí. Ao pouco de chegar xa tiñan copados os altos cargos da Administración”.

Cadaleito funerario de Carlos V na súa cripta en Yuste. Arquivo do autor.

Seguimos intertextualizando o marco que describe Eslava Galán: “Demasiadas guerras. Multiples campañas europeas: Italia, Alemaña, Países Baixos e catro guerras contra Francia, herdanza dos conflitos polo reino de Nápoles… Un burato sen fondo cuxo manteñemento demandaba continuamente ouro e sangue (…). Carlos V morreu en Yuste e Felipe II, o seu fillo, no Escorial. Os Austrias instaláronse eiquí por interese, porque Castela era a mellor finca do “holding” familiar, a máis estratexicamente situada, a máis cómoda e rentábel, e dende logo a máis dócil. Aquela España era máis apariencia que outra cousa. Un fraco conglomerado de reinos que non tiñan nada en común: nin costumes, nin institucións, nin lingua, nin intereses económicos. A súa precaria unidade política baseábase na fe, que, como é sabido, move montañas. Relixión e política fundíronse [Deus e rei] (…)”.

Placa na entrada do palacete de Yuste. Foto: Santiago Prol

Máis adiante engade o historiador: “En 1555, Carlos V abdicou no seu fillo Felipe II. Era xa un home acabado, prematuramente avellentado e baldado pola gota, esa enfermidade propia de comellóns e deboradores de carne. O emperador viviu a súa xubilación no Mosteiro de Yuste, en Extremadura, onde a intendencia pacega [dun séquito dunhas 60 persoas] mantíñalle a despensa ben repleta: pasteis de lamprea, perdices, lebres, veados, incluso ostras vivas e picadas que lle enviaban dende Santander. Aínda que o emperador non podía encaixar as mandíbulas [xa moi desdentado], o seu insaciábel apetito era proverbial. Nunha mesma comida consumía sopas, pescados salados, vaca cocida, cordeiro asado, lebres ao forno, veado á alemá e capóns en salsa. Trasegaba até cinco xarras de cervexa alemá e flamenca, dun litro máis ou menos, sen contar o viño da contorna. Encima de todo, os postres, pois era moi doceiro”.

Non morreu de gota, como se ten dito ao longo dos séculos. A mantedora que ilustra as visitas asevera que a súa morte aconteceu logo dunhas febres palúdicas moi fortes, producidas polas picaduras de mosquitos dos estanques do Mosteiro de Yuste. O seu fillo, Felipe II, prohibiu “utilizar as habitacións imperiais por parte da comunidade relixiosa”. Así logrouse unha mellor conservación. O palacete consta de dúas plantas. Na planta superior podemos ollar como pasou o último ano e medio da súa vida nesta fermosa comarca “de la Vera” extremeña. Rematamos cun interesante vídeo que atopamos na arañeira, autoría de Viajeros Metaleros. ¡Beizón!

Fonte: Viajeros Metaleros, 2019
Os comentarios están pechados.